Burela, 8 de novembro de 2017. Este sábado, día 11, terá lugar en Burela unha homenaxe a Ramón Andrade, concelleiro socialista finado recentemente. Será ás 20:30 horas na Casa da Cultura, onde se darán cita amigos, compañeiros e familiares. No acto haberá diversas intervencións e actuacións musicais. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, espera que sexa unha homenaxe emotiva e respectuosa.
O rexedor anunciou que “o próximo sábado, día 11, imos facer unha homenaxe moi merecida penso eu, ao noso compañeiro Andrade, que foi o concelleiro que finou recentemente e que para nosoutros significou moito tanto na súa labor política como persoal, e pola amizade que tivemos con el durante moito tempo”.
Para Llano “é unha homenaxe representativa de todo o pobo porque Andrade non era soamente concelleiro, senón que estaba practicamente en todo o que se movía no pobo dunha maneira ou doutra colaborando. Estaba na Cruz Vermella, onde estivo moito tempo amosando a súa solidariedade. Tamén estivo organizando o Enterro da Sardiña de Burela nas dúas últimas edicións e participando nas anteriores, tamén estivo na peña barcelonista, na charanga A Pataqueirada, e en moitos eventos musicais”.
O alcalde de Burela salientou que “Andrade sempre estivo participando en moitas cousas que se moven no pobo, pero tamén tiña o seu compromiso sindical no hospital, compromiso político no Concello e compromiso laboral, porque era unha boa persoa sempre atento a todo o que podía facer”.
Alfredo Llano contou que “imos facerlle entre todos unha homenaxe civil, todos os amigos, compañeiros e familiares que tamén van vir, ás oito e media no auditorio da Casa da Cultura de Burela. Queremos invitar a todo o mundo que queira participar neste evento porque creo que o ten moi merecido e todos nós debemos apoialo. Vai haber intervencións de moita xente, pero tamén actuacións musicais tanto de clásica como de folclórica e outras que poden xurdir. Imos procurar facer unha homenaxe, esperemos, que emotiva, bonita e desde logo respectuosa acorde como era el. Sería unha forma bonita de lembralo e de motivar a todo o mundo a ser solidario como era el”.