Cervo, 7 de novembro de 2017.- O Concello de Cervo vén de reforzar a calidade do servizo municipal da Piscina Olímpica de Lieiro coa adquisición, en réxime de renting, dun novo robot limpafondos de última xeración, automático e programable.
O rexedor, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, achegáronse ata as instalacións esta mañá, para ver o funcionamento da nova máquina.
Tal e como explicou o rexedor “este robot substitúe a outro que tiñamos, non tan moderno, de tal xeito que vimos de subscribir un contrato de catro anos coa empresa de renting, abonando uns 310 euros ao mes, o que se traduce nuns 3.700 euros anuais”.
Villares engadiu que con esta nova máquina seguimos a mellorar o rendemento destas instalacións municipais, coas que temos o privilexio de contar no noso Concello, de tal xeito que “conseguimos unha limpeza dos fondos e das paredes da piscina moito máis profunda e unha excelente calidade da auga”.
O alcalde apuntou, así mesmo, que o mantemento dunhas instalacións públicas como estas require dun gran esforzo económico, e o noso obxectivo é garantir a calidade dos nosos servizos; para elo periodicamente investimos fondos municipais “para que as nosas instalacións deportivas sigan a ser un referente na zona”.
Así, Villares recordou que o aluguer deste novo robot vén a sumarse a outras actuacións que fixemos en meses pasados “dirixidas fundamentalmente á zona do vaso; e tamén se fixeron traballos de mantemento na zona mecánica da piscina que rondaron os 6000 euros de inversión procedentes integramente de fondos municipais”.
Soto recordou que as persoas interesadas en inscribirse nos diferentes cursos que se imparten por grupos de idade e diferentes niveis, dende inciación a perfeccionamento; ou actividades como aquagym e natación para embarazadas, poden facelo ou ben achegándose ata as instalacións, ou ben chamando ao número de teléfono da Piscina Municipal 982.59.45.12.
O edil apuntou que a inscrición incrementou este curso case un 20% respecto ao pasado, superando os 330 cursillistas; polo que, tendo en conta os socios, superamos amplamente os 1000 usuarios”.
Soto tamén subliñou que “a filosofía do Concello de Cervo é promover a práctica deportiva no seu conxunto dende as idades máis temperás; e con ese obxectivo ofrecemos de balde ás ANPAS do noso municipio os diferentes cursos de natación para os pequenos; con convenios especiais tamén con outras ANPAS doutros Concellos da contorna”.
