Ribadeo, 8 de novembro de 2017. O portavoz do Partido Popular no Concello de Ribadeo, Jesús López Penabad, acláralle ao alcalde que o investimento de 100.000 euros por parte da Xunta de Galicia para mellorar a estación de autobuses ribadense aparece publicado na páxina web da administración autonómica. Tamén sinala que esta e outras moitas actuacións, como por exemplo o obradoiro de emprego, indican que a Xunta está investindo en Ribadeo, aínda que o alcalde diga o contrario.
López Penabad manifesta que “tras as declaracións do alcalde referíndose á miña persoa, como portavoz do Partido Popular en Ribadeo, dicíndome que fago de adalid e de celestino, débese de referir coa Xunta, non me ofende en absoluto; e máis, ata me parece simpático”.
O voceiro popular precisa que “con data 20 de outubro de 2017 sae publicado, coa presentación do proxecto de lei do Parlamento, na páxina web da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia o investimento que vén para Ribadeo, neste caso a estación de autobuses, os 100.000 euros que lle dicía e tamén os 244.000 euros para a axuda na rehabilitación de vivendas. Está publicado e pode velo calquera. Estráñanos que nos rebata isto cando é unha información pública e visible para calquera que teña conexión a internet, que o pode ver na páxina web da Xunta de Galicia. E isto proba que a Xunta dálle a Ribadeo por lei, pero tamén o que non é por lei. Á estación de autobuses faille falta e vaina amañar. Benvido sexa, é o que ten que facer, porque é titularidade da Xunta de Galicia e así debe ser, non hai discusión algunha, pero faino”.
Jesús Lopez tamén lle recorda ao alcalde que “a Xunta tamén acaba de conceder ao Concello de Ribadeo un tractor e dúas desbrozadoras. Ademais leva dous anos recibindo obradoiros de emprego únicos para Ribadeo, cando no resto da Mariña os obradoiros son compartidos entre tres concellos; e para Ribadeo dous durante dous anos seguidos única e exclusivamente para este concello, do cal nos alegramos moito. Creo que con eses obradoiros están facendo unha gran labor para todo o pobo de Ribadeo e xa se poden ver os resultados do ano pasado na páxina web do Concello”.
Para o portavoz popular “o alcalde o que non pode é mentir e intentar enganar á xente co seu victimismo, dicindo sempre que a Xunta non me dá. A Xunta síguelle dando e nosoutros o único que dicimos é o que está publicado que vén para Ribadeo. Supoño que lle gustaría que lle amañaran todo, ata o que é competencia do Concello, pero para iso algo ten que facer el tamén; e vemos que ultimamente os que gobernan o Concello non o fan”.
López Penabad engadiu ademais que “o alcalde fala tamén de que pensamos que se achegan as eleccións, estamos no 2017, que eu saiba ata o 2019 non haberá eleccións, pero debe telas el na cabeza porque empeza a anunciar obras que oxalá se fagan, porque de momento nesta lexislatura houbo moi poucas. Dedícanse só a amañar un pouquiño o que está roto, ás veces, non sempre, porque está todo bastante abandonado e sucio”.