Lugo, 29 de novembro de 2017. O Presidente da Deputación e Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, xunto ao Tenente de Alcalde, Francisco Martínez Bermúdez, presentou este mércores na oficina de turismo deste municipio a XI Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova, que terá lugar os días 8, 9 e 10 de decembro. Trátase dunha cita de referencia no sector das antigüidades e da artesanía na que participan profesionais de distintos puntos de Europa. Nesta edición, farano 60 anticuarios e artesáns de España, Francia e Portugal.
O Concello organiza este evento, ao que achega tamén 5.000 euros, contando coa colaboración de establecementos e colectivos da Pontenova, así como da Deputación de Lugo, que destina outros 5.000 euros, leva unha exposición de 120 pezas de olería e bargueños e promove unha ruta reinvidicativa en vespa para a posta en valor da Senda Verde, ademais de contribuír á difusión desta cita a través da TIC. Haberá demostracións de oficios tradicionais en vivo e menús de produtos típicos con prezos vantaxosos nos establecementos da localidade.
Campos Conde destacou que “con esta cita queremos poñer en valor a nosa fonda tradición no sector das antigüidades, pois a nosa vila foi o lugar de encontro de anticuarios de toda Europa na procura de pezas rústicas e tradicionais. Con esta feira, xa consolidada no calendario festivo de Galicia, aproveitamos a nosa riqueza cultural para xerar oportunidades económicas no Concello, reunindo a profesionais de distintos países europeos que son capaces de mobilizar á nosa vila a milleiros de persoas durante a ponte de decembro. O ano pasado, contamos con máis de 8.000 visitantes”.
O Presidente e Alcalde da Pontenova deu ás grazas de xeito especial aos establecementos do municipio, que traballan conxuntamente co Concello para que esta feira sexa un éxito. Isto permite, por exemplo, ofrecer menús especiais a 15 euros nos restaurantes San Briz, O Lar de Balbina, A Mina e a Pulpería Esther de Monterroso. Tamén agradeceu á axuda do Concello de Pol, que presta a carpa onde se sitúan os expositores.
Profesionais e horario
Na Praza dos Fornos situarase todos os profesionais participantes: 30 artesáns e 30 anticuarios, chegados de toda a xeografía nacional, dende Galicia, Asturias, Castela e León, Huesca, Lérida ata Madrid; así como de distintos puntos de Portugal e Francia. A apertura será o xoves 8 de decembro ás 16:00 horas. O horarios o venres, sábado e o domingo será de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, agás o domingo que o peche será ás 20:00 horas.
Demostracións en vivo
Na Casa da Cultura haberá demostracións de oficios tradicionais en vivo en quenda de mañá e de tarde. Ata o momento, está confirmada a participación de 8 artesáns: José Fernández realizará demostración de olaría de barro; Luisa Martínez Vázquez de cestería en mimbre; José Mª Rodil Arruñada forxa e obradoiros de navallas; José María García Bouza realizará talla en madeira; Jesús Iglesias de torno; José Ramón Carballeira fará exhibición de tear triangular; María José Arruñada fará pintura ao óleo e Mari Carmen Otero de cestaría.
Exposición do CENTRAD
A Deputación levará unha exposición do Centro de Artesanía e Deseño composta por 120 pezas de oleiría, a maioría delas corresponden ao estudo de catalogación dirixido por Xosé Francisco Doval. Tamén haberá unha colección de bargueños fabricados no obradoiro do moble do CENTRAD, que fai un percorrido pola evolución desta particular peza de escritorio dende o século XVII e ata hoxe.
Ruta Reivindicativa en Vespa pola Senda Verde
A Pontenova acollerá a “Ruta Reivindicativa en Vespa pola Senda Verde” o 9 de decembro. Partirá da Praza dos Fornos ás 12:00 horas. Trátase dunha iniciativa coa se demanda ao Goberno Central a recuperación e posta en valor da antiga ruta do tren mineiro, executando o proxecto que se aprobou pero nunca desenvolveu pois suspendeu os fondos prevista para facelo. Esta senda, que transcorre polos Concellos de Ribadeo, A Pontenova, Trabada e San Tirso de Abres, conta cun grande valor patrimonial, cultural e paisaxístico. A súa recuperación contribuirá cando menos ao impulso do turismo e da economía da Comarca. Os interesados en participar nesta iniciativa aberta ao público poden inscribirse no 689 00 80 73.




















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



