A Mariña, 7 de decembro de 2017. A Mancomunidade de Municipios da Mariña abordará no pleno que se celebrará o vindeiro luns, 11 de decembro, en Ribadeo a presenza da velutina na comarca. Deste asunto falou hoxe o presidente deste ente, Alfredo Llano, co presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e con representantes da Asociación Galega de Apicultores para estudar a posible implantación dun proxecto piloto para eliminar a velutina nesta zona.
Llano contou que “hoxe tivemos una reunión moi interesante con representantes da Asociación Galega de Apicultores. A min persoalmente serviume de moito e entereime de moitas cousas relacionadas coa apicultura e coa avespa velutina, que é un problema que temos agora na Mariña. O propósito era buscar unha fórmula para implantar na Mariña un proxecto piloto para rematar coa velutina, ou polo menos minguar a súa presenza e expansión”.
O presidente da Mancomunidade anunciou que “este tema imos levalo á Mancomunidade. O luns temos un pleno en Ribadeo e van vir os representantes desta asociación para falar do que é o proxecto piloto que queren implantar na Mariña. Eu tratarei de involucrar a todos os Concellos explicando ben as vantaxes deste plan piloto. E hai que ter en conta tamén que hai unha axuda moi boa por parte da Deputación para levar adiante este plan. Falaremos disto o próximo luns”.
Alfredo Llano pensa que “é bo que participemos, colaboremos e compartamos a responsabilidade da loita contra a velutina, e penso que vai ser un bo método para iniciarse. Xa aclararemos en qué consiste, pero é un proxecto que hai que poñer en marcha a partir do mes de marzo aproximadamente, e consiste fundamentalmente en atrapar reinas para que non sigan procreando e facendo que aumente a súa presenza na nosa comarca”.
Llano subliñou que “foi unha reunión moi positiva a que tivemos hoxe, e ábrese unha posibilidade de cooperación e colaboración entre as administracións e esta asociación. A Deputación está interesada e apoiando moito a este proxecto, polo tanto eu penso que podemos lévalo para adiante e diso falaremos a partir do luns”.
