Ribadeo, 29 de decembro de 2017. A Vicepresidencia da Xunta e Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza, lembrou hoxe que o Concello de Ribadeo está obrigado a garantir unhas instalacións e medios dignos no xulgado de paz da localidade e, en consecuencia, urxe ao alcalde a poñer pronta solución ás deficiencias que impiden e incluso paralizan o normal funcionamento deste servizo.
A Xunta lembra que son as administracións locais as competentes en materia de instalacións e medios instrumentais dos xulgados de paz (art. 51.3 da Lei 38/1988, de 28 de decembro, de demarcación e de planta xudicial) e, de xeito construtivo, apuntan que unha posible solución pasaría polo arranxo das instalacións actuais ou, polo traslado do xulgado a outro local municipal.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, apunta ademais que o Goberno galego xa amosou a súa total disposición a colaborar co Concello no acondicionamento das actuais oficinas e, pese a non ser unha competencia autonómica, tiña previsto destinar 30.000 euros a este fin, ofrecemento sobre o que non obtiveron resposta.
En caso de que o alcalde escolla a outra opción, o traslado do xulgado de paz a un novo local municipal, Balseiro lembra que só é necesario que o Concello se dirixa previamente á Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, dado que a afectación dun inmoble a actividades xudiciais require o acordo da devandita Sala de Goberno, segundo o artigo 4 do Regulamento 1/2000, dos órganos de goberno dos tribunais.
Desde a Xunta observan con preocupación os problemas que, de xeito recorrente, se están a producir como consecuencia das deficientes instalacións do xulgado de paz de Ribadeo, que no á paralización do servizo e insisten en que o alcalde ten que a asumir a súa responsabilidade e garantir un entorno de traballo digno e minimamente confortable para os empregados, e tamén para o resto dos cidadáns que acoden as ditas instalacións.
A Xunta de Galicia é a administración encargada de proporcionar o cadro de persoal dos xulgados de paz e abonar os seus salarios e ás distintas administracións locais correspóndelles a habilitación dos medios técnicos e das instalacións axeitadas.