Ribadeo, 28 de decembro de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, ven de enviarlle unha nova carta ao vicepresidente da Xunta e responsable de Xustiza, Alfonso Rueda, na que se amosa aberto ao diálogo e á colaboración para resolver a situación na que se atopa o xulgado de paz. O rexedor lembra que as competencias nesta materia son da Xunta e non do Concello e ofrece unha vez máis os locais da vella oficina de turismo. Ademais Suárez Barcia proponlle que a esta posible solución para o traslado do xulgado de paz, se engadan os baixos que a Xunta posúe nas vivendas sociais da rúa Clemente Martínez Pasarón, dado que están á venda “segundo puidemos ver por informacións de prensa”.
O alcalde de Ribade lembrou que “vai máis dun ano de terlle enviado un compromiso de colaboración sen obter resposta algunha ata o día de hoxe, sobre esta situación penosa que está sufrindo o seu persoal, o persoal autonómico, que traballa no xulgado de paz de Ribadeo”.
Fernando Suárez subliñou que “agora, por terceira vez, nos diriximos de novo aos representantes da Xunta coa máxima intención, como sempre, de ofrecer colaboración para resolver dunha vez por todas este problema, que eu penso que só se dá en Ribadeo. Reitero todas e cada unha das verbas e das intencións que se lle mandou hai máis dun ano, porque están vivas todas e cada unha das proposicións, ou ben que a Xunta de Galicia dunha maneira decidida nos axude á rehabilitación deste inmoble que leva sendo xulgado de paz aproximadamente cincuenta anos, ou que senón é así sigue vivo o noso ofrecemento de trasladar o xulgado de paz para a oficina vella de turismo. Si se ve que desprezan estas posibilidades, como parece ser que é o caso, suxerimos outra nova que é que a Xunta de Galicia, que é propietaria titular de varios baixos nas vivendas sociais da rúa Clemente Martínez Pasarón no parque, e dado que soubemos pola prensa hai uns días que tiñan intención de vendelas, pedímoslles que non as vendan, que as utilicen para habilitar a sede do xulgado de paz de Ribadeo”.
O rexedor engadiu que “pola súa accesibilidade, non fai falla ascensor posto que é un baixo, e pola súa boa situación, moi céntrica na vila, podería sen ningún problema albergar o xulgado de paz. Pero sexa este lugar, sexa a oficina de turismo ou a actual ubicación na Paz na Praza de Abaixo, calquera delas nos vale”.
Suárez Barcia dixo que “nós ofrecemos o diálogo, ofrecemos o compromiso como sempre sincero, e non miramos para outro lado. Nos doe a situación na que están os funcionarios da Xunta de Galicia, pero non son funcionarios do Concello de Ribadeo, non son funcionarios municipais, son funcionarios autonómicos, e a responsabilidade é da Xunta de Galicia. Nós, pola lei 27/2013 que aprobou o goberno de Rajoy, non temos competencias en xustiza, polo tanto nós colaboramos, pero nós non decidimos sobre a totalidade”.