Cervo 28-12-17. O Concello de Cervo, a través da delegación de Seguridade Cidadá, organiza para os días 10, 11 e 12 de xaneiro, unhas xornadas de prevención de incendios abertas a toda a poboación, pero dirixidas, fundamentalmemte, aos máis novos.
A actividade terá lugar no Pavillón da Veiga de San Ciprián e, tal e como sinalou o rexedor, Alfonso Villares, “decidimos abrila a toda a comunidade educativa da Mariña, de tal xeito que convidamos a todos os colexios e IES da zona a participar, remitíndolles unha carta; e a día de hoxe xa son máis de 700 os mozos que se van achegar ata o Pavillón municipal eses días”.
Establecimos un calendario en horario de mañá; e a inauguración da xornadas terá lugar o mércores, 10 de xaneiro, no propio pavillón, ás 10:00 horas.
Son unhas xornadas didácticas nas que haberá unha casiña de fume (unha estrutura inchable, duns 400 metros cadrados de superficie, que se enche de fume inocuo -xerado con xeo- para explicar aos menores como realizar unha evacuación no caso de incendio), daranse charlas, consellos pedagóxicos para a prevención de incendios en idade infantil, talleres de RCP, recomendacións a seguir en caso de incendio, haberá exposición de medios de extinción, visualización de simulacros, charlas de autoprotección escolar e entregarase material didáctico aos nenos.