Mondoñedo, 30 de decembro de 2017.- O Goberno local informa que dende o Concello de Mondoñedo propúxose a adecuación das estradas de Figueiras, Estelo e Vilamor, de titularidade da Deputación de Lugo, dentro do Plan de Rehabilitación de Firmes de Vías Provinciais.
O Concello expón a necesidade de aglomerar a estrada provincial LU-P 3106 ao seu paso polo núcleo de Estelo, exactamente, dende o inicio do termo municipal de Mondoñedo ata a altura da igrexa. Este treito, de aproximadamente un quilómetro, presenta problemas no firme, con pozas acumuladas de auga, sendo necesario realizar obras de mantemento nas cunetas e nas canalizacións. No que respecta á LU-P 3108, que comunica a parroquia de Figueiras con Mondoñedo, O Concello demanda que se aglomeren os treitos q faltan por acondicionar; e na LU-P 3105, en Vilamor, tamén se propón o arranxo da vía entre os quilómetros 0 e 1.
O esforzo inversor da Xunta
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, defende a necesidade destas actuacións en vías provinciais e engade que estas obras, xunto ao investimento que se está a realizar na LU-124 entre Lindín e Cruz da Cancela ou na LU-160, estrada que une Mondoñedo e Ferreira do Valadouro, permiten garantir nun bo estado as principais vías de comunicación.
Neste senso, a rexedora quixo poñer en valor o esforzo da Xunta de Galicia nas infraestruturas mindonienses e concretamente na LU-124, á que leva dirixido máis de 2,5 millóns de euros nas diferentes actuacións entre o enlace coa A-8 e Mondoñedo, na Avenida de Bos Aires e agora no treito ata Cruz da Cancela. Así, tamén destacou os traballos na LU-160, en Mondoñedo.
Compromiso do PP
A rexedora explica que á raíz dunha iniciativa aprobada na Deputación polo PP, na que se solicitaba un maior investimento nas estradas provinciais; sacouse adiante un plan no que a distribución das cantidades dirixidas ás estradas de cada concello se rexe por criterios obxectivos. En concreto, para as estradas provinciais de Mondoñedo, o Plan de Rehabilitación de Firmes 2017-2019 inclúe un investimento superior aos 200.00 euros.
A alcaldesa engade que unha vez aprobado este plan o Concello foi o encargado de elixir as estradas sobre as que actuar, unha proposta que “nace da demanda e das necesidades que nos transmitiron os veciños nas diferentes reunións mantidas” e, agora, están a elaborar os correspondentes proxectos.