Santiago de Compostela, 28 de decembro de 17. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, e a deputada no Congreso Rocío de Frutos, mantiveron hoxe un encontro de traballo con representantes do colectivo de gardacostas, que están a demandar a equiparación das condicións de xubilación cos traballadores do sector.
As deputadas socialistas comprometéronse hoxe a levar ás cámaras autonómica e estatal as demandas dos representantes dos traballadores das embarcacións e buques de inspección, busca, salvamento e loita contra a contaminación, que piden axustar a redución da idade de xubilación e os coeficientes redutores ao persoal estatutario.
Denuncian a situación de discriminación sinaladamente á hora de acceder á pensión de xubilación, por canto precisan os mesmos requisitos que o persoal adscrito ao ISM –recoñecemento médico, titulación e certificado de embarque- pero carecen dos beneficios deste persoal “aínda prestando servizo na mesma embarcación e na mesma actividade”.
Os socialistas reclamarán así que o persoal estatutario que desenvolve labores de inspección, salvamento e loita contra a contaminación a bordo de embarcacións da Administración perciban os coeficientes redutores da idade de xubilación con carácter retroactivo.