Lugo, 21 de decembro de 2017. O Presidente, Darío Campos Conde, presentou este xoves ao Pleno a súa proposta de Orzamento da Deputación para 2018, que foi aprobada cos votos a favor dos Deputados do PSOE do Goberno Provincial e dos do BNG, pois os do PP decidiron non apoialo. “Por responsabilidade política e por respecto a todos os lucenses, aos que, como Deputados Provinciais, temos a obriga de defender, deberían apoiar estes orzamentos”, dixo Campos Conde aos representantes do PP. “Pero vostedes non defenden aos lucenses”.
“Non o fan nas administracións nas que gobernan, como a Xunta de Galicia e o Goberno Central, onde non se preocupan, nin tan sequera, de dotar de xeito inmediato á provincia de prestacións fundamentais como Hemodinámica 24 horas, a Intermodal, o AVE, o Corredor da Costa, a variante de Sarria a Monforte, as autovías a Santiago, a Ourense. E tampouco apoian o orzamento da Deputación, que é o único que responde ás necesidades dos veciños da nosa provincia, porque non queren facer nada polos lucenses onde gobernan e pretenden, sen éxito, que non se faga dende outras administracións nas que están na oposición”, engadiu.
Neste senso, destacou que “co orzamento de 2018, que ten un marcando acento lucense, a Deputación volverá a ser a administración galega que máis inviste na provincia en políticas de xeración directa de emprego, de fomento do benestar, de dotación de dotacións públicas e infraestruturas, e nos eidos do deporte, da cultura e do turismo. É o orzamento dos lucenses”.
83,7 millóns
O orzamento da Deputación para 2018 ascende a 83.703.156 euros. Baixa con respecto a 2017 en 1.144.722 euros, que representan o 1,35%, polos recortes nas aportacións do Estado ao organismo provincial. “Pero aínda así, aumentamos os investimentos para os 300.000 lucenses dos 67 Concellos, ao tempo que reducimos os gastos correntes desta institución” explicou o Presidente da Deputación.
Dos 83,7 millóns de euros, destínanse un mínimo de 45,6 millóns de euros, que representan máis do 54,4% do orzamento, exclusivamente a investimentos. Estes fondos incrementaranse, pois no proxecto xa se compromete que, cando menos, o 70% dos remanentes de tesoureira, que se coñecerán a principios do vindeiro ano unha vez feita a liquidación do exercicio económico do 2017, se destinen a investimentos nos 67 Concellos a través do Plan Único. Tamén poderán aumentar unha vez coñecidas as propostas dos Concellos ao respecto dos investimentos que deseñan levar a cabo a través do Plan Único. Este conta cunha primeira achega do propio orzamento provincial de 11,3 millóns de euros. Coa incorporación de remanentes, búscase que acade ou supere os 20 millóns.
Políticas Sociais
Contempla un mínimo de 9 millóns de euros para emprego, que se engaden aos 8,1 millóns que se continuarán a executar durante o 2018 para custear as nóminas de 700 lucenses que estaban no paro e traballan en empresas, colectivos sociais ou nos propios consistorios a través das edicións do Ben Emprego e DepuEmprego que están en marcha.
Inclúe un mínimo de 1,5 millóns de euros para financiar na súa totalidade o Servizo a Domicilio a 1.800 persoas non dependentes, pois a Xunta non o fai; máis de 330.000 euros para a Teleasistencia gratuíta a máis de 1.500 maiores, pois a da Xunta establece o repago e só está dirixida a persoas catalogadas como dependentes; 500.000 euros para colaborar co conxunto do tecido asociativo social da provincia; ou 2,9 millóns de euros para os centros de maiores de Becerreá, Folgoso do Courel, Portomarín, A Pontenova, Guitiriz e A Pobra do Brollón. Estes novos fondos súmanse aos contemplados en pasadas anualidades para os proxectos e obras destas novas dotacións sociais.
O orzamento recolle case 2,5 millóns de euros no impulso dunha educación pública de calidade “cando a Deputación non ten as competencias directas, pero si unha firme aposta”, apuntou a Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez. Deste xeito, destínanse 1,6 millóns á única Escola de Imaxe e Son pública na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual e con matrícula gratuíta para non repetidores; 365.0000 euros para o Plan de Impulso do Campus de Lugo, que contempla actuacións como as becas que custear na súa totalidade a matrícula que xa recibiron máis de 500 alumnos; máis de 200.000 euros para novas actividades no Rof Codina ou na Facultade de Relacións Laborais; ou 312.000 euros na UNED.
Dinamización económica e social
Para o impulso de sectores punteiros como o primario (gandeiría, agricultura e pesca) inclúense fondos de 2,1 millóns de euros. Destaca a outra partida de 634.000 euros para a construción do Centro Experimental de Leite na Granxa Gayoso Castro, facendo que achega total da Deputación a este proxecto, tendo en conta os fondos deste ano, sexa de 1,3 millóns. Neste centro, que estará listo no 2018, a USC levará a cabo prácticas e proxectos de investigación sobre o sector lácteo. Con este proxecto búscase a dinamización económica da provincia, impulsando o sector lácteo, pois traballarase na aplicación de medidas nas explotacións leiteiras coas que reducir custos de produción; así como a renovación da acreditación internacional da Facultade de Veterinaria. Outros dos proxectos neste eido é o centro de recría de gando vacún, que abrirá as portas no 2018. Tamén se inclúen preto de 500.000 euros para actividades de dinamización empresarial e comercial.
As contas incorporan un mínimo de 11 millóns de euros para melloras de dotacións públicas e infraestruturas nos Concellos, especialmente en zonas rurais, a través da posta en marcha de cando menos 350 obras, que tamén contribuirán á dinamización económica e o mantemento do emprego. A estes fondos, súmase o crédito de 15 millóns, recentemente concedido, para o arranxo de estradas provinciais en todos os municipios, incrementando notablemente a obra pública na provincia.
Para a dinamización social da provincia a través do deporte destinase 4 millóns de euros, facendo que a Deputación sexa a administración galega que máis inviste na provincia neste eido e garantindo a colaboración cos clubs da provincia de todas as modalidades deportivas.
Para actuacións en impulso do turismo e da cultura achéganse preto de 8,4 millóns de euros, que permitirán colaborar cos Concellos e con colectivos, impulsar a celebracións de citas turístico-culturais ou gastronómicas, así como reeditar ou emprender novos proxectos nestes eidos.
Outros custos
Os custos de persoal supoñen o 31% e aumentan un 3% en cumprimento da Lei de Presupostos do Estado. Os correntes representan o 16%, baixando nun 0,24%.




















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



