Lugo, 26 de febreiro de 2018. O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación acolle este luns o último obradoiro de instrumentos medievais coa construción dunha zanfoña, que estará dirixido polo luthier Antonio Franco. Trátase dunha iniciativa pioneira, pois por primeira vez en España unha administración pública ofrece a profesionais do sector formación gratuíta da man de reputados Luthiers sobre a construción de instrumentos medievais adaptados ao século XXI. É dicir, non se realizarán réplicas, senón innovadoras e punteiras pezas, facilmente tocables por músicos contemporáneos.
Mediante este proxecto realizáronse replicas de instrumentos medievais que aparecen reflectidos en esculturas en pedra de emblemáticos lugares como Pórtico da Gloria, a Catedral de Lugo ou o Pazo de Xelmírez, así como planos necesarios para construír instrumentos medievais para músicos contemporáneos.
Cómpre destacar que os profesionais do Centro de Artesanía e Deseño xa foron os autores das, neste caso, réplicas dos instrumentos do Pórtico da Gloria que acolle as instalación do CENTRAD na capital lucense, nunha mostra punteira en Europa. Ademais, a Deputación prestou estes instrumentos a profesionais como Carlos Núñez para os seus concertos, e a institucións para mostras como a do Pergamiño Vindel, que hoxe está en Vigo e conta con 3 destas pezas do CENTRAD.
Con este pioneiro iniciativa, ofrecéronse aos mellores profesionais 6 obradoiros gratuítos, impartidos por reputados Luthiers, para aprender a construír estes instrumentos medievais adaptados aos século XXI, que xorden das investigacións dos mestres artesáns da Deputación de Lugo. E é que debido á súa alta especialización, estes obradoiros están dirixidos a profesionais.
Antonio Franco
Antonio Franco, Mestre artesán do Obradoiro de instrumentos musicais ó que se incorporou como alumno no ano 1986. Durante estes anos constrúe e participa na produción de zanfoñas, gaitas, e instrumentos de percusión, e mantén unha colaboración activa nos proxectos desenvolvidos tanto de construción como na formación de artesáns.
6 obradoiros
Este proxecto, coordinado por Luciano Pérez, mestre artesán do CENTRAD, remata con este obradoiro de zanfoña. Dende outubro que comezou o 1º obradoiro de GIGA e de Rota dirixido por un dos mellores luthiers do mundo, Christian Rault, seguiron os de viola oval con arco de Xermán Arias, e os de Citola e Viola oval (II), impartidos por Antonio Franco Carreira. O cadro de profesionais que participa nos obradoiros de construción está composto por artesáns e Luthiers de grande recoñecemento no sector e cunha ampla traxectoria no eido da recuperación de instrumentos musicais medievais.