A Mariña, 28 de febreiro 2018. Desde o BNG chaman a toda a poboación a asistir á manifestación que este xoves 1 de marzo percorrerá Burela desde o Hospital ata a praza do concello, para demandar unha sanidade pública de calidade, de proximidade, con mais servizos perto dos cidadáns, con unha boa atención primaria, en definitiva, “unha sanidade pública ao servizo d@s usuari@s, e non ao servizo das empresas que operan na sanidade privada e que amparadas agora pola modificación lexislativa que pretenden levar adiante Feijóo e o PP, queren ampliar o seu negocio á conta de todas nós e da nosa saúde” afirmou a portavoz comarcal do BNG, Ana Ermida.
Participar nesta mobilización en defensa da nosa sanidade pública é un exercicio de dignidade
Para o BNG, o mantemento da Área Sanitaria da Mariña é imprescindible para ter poder de decisión desde o Hospital sobre os recursos que se precisan, tanto a nivel hospitalario como a nivel de centros de saúde, na atención primaria na comarca, e por eso inciden na importancia de participar nesta mobilización para evitar un novo espolio e unha nova burla á comarca, tal como acontece con outros servizos que tanto o goberno da Xunta coma o goberno do Estado nos van suprimindo ou deixando esmorecer, coma no caso das infraestruturas.
“Non podemos permitir que nos alonxen os servizos sanitarios a 100km das nosas casas, e por eso é polo que convidamos a toda a poboación a exercer conxuntamente a nosa dignidade como mariña@s defendendo a nosa sanidade pública e o noso hospital”, concluiu Ana Ermida.