Burela, 1 de febreiro de 2018. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, mantivo hoxe un encontro co director deportivo do Club Deportivo Lugo, Víctor Moreno, para solicitarlle que o equipo xogue algún dos partidos de pretempada en Burela.
O edil explicou que “nos xuntamos co director deportivo do Club Deportivo Lugo, Víctor Moreno, que nos recibiu moi amablemente e estamos moi felices de que así fora”.
Ramiro Fernández contou que “seguindo con esa colaboración que tanto desde Porto Burela como o Concello temos co Club Deportivo Lugo, o que lle solicitamos foi que este ano, a ser posible na pretempada, que o CD Lugo viñera a xogar un partido a Burela”.
O concelleiro de Deportes lembrou que “xa había ese compromiso o ano pasado e non se puido facer, pero este ano doume por conforme coa palabra dada polo director deportivo do CD Lugo de que o equipo virá xogar na pretempada a Burela”.
Fernández Rey engadiu que “ademais falamos tamén da Semana do Deporte que vimos celebrando nos últimos anos desde a Delegación de Deportes, e pedímoslle que o Club Deportivo Lugo participara dalgún xeito dentro dos actos desa semana, e o compromiso tamén é o de intentar colaborar na medida das posibilidades co Concello de Burela para esa Semana do Deporte”.