Cervo, 19 de febreiro de 2018. O novo portavoz municipal do BNG-AA en Cervo, Ibán Sánchez, estreouse no pleno do pasado día 15 non apoiando a sinatura do Convenio “Doing Business” nin a rebaixa de entre un 95% e un 50% nas ordenanzas fiscais 12, 22 e 23 dos impostos IBI, IAE e ICIO en cumprimento do referido convenio asinado pola Xunta e a FEGAMP, que á súa vez deriva da denominada Lei de Depredación de Galiza, a cal foi duramente criticada pola formación nacionalista no Parlamento.
Ibán Sánchez afirmou que “a modificación destas ordenanzas pode reducir substancialmente a capacidade de recadación municipal no exercicio 2019 e seguintes, e pon en perigo a capacidade de financiamento dalgúns servizos municipais”, tal como se advirte no informe de Intervención do propio concello incluído no expediente.
O Convenio “Doing Business” asinado entre a FEGAMP e a Xunta obriga aos concellos que o subscriben a asumir reducións na súa capacidade financeira, descoñecendo cal é a compensación por parte da Xunta diante desta redución orzamentaria nunha administración como a local, a máis pegada á sociedade e que a duras penas pode soportar o gasto en servizos que foi asumindo nos últimos anos.
As rebaixas de entre un 50% e un 95% nas ordenanzas fiscais do IBI, IAE, e ICIO a empresas que se instalen no municipio ou amplíen instalacións e xeren entre 10 e 20 empregos “son unha irresponsabilidade, xa que amais de non garantir que ese emprego sexa de calidade con salarios dignos e estabilidade laboral, tampouco existen garantías de que o persoal contratado vaia ser do municipio que perde ingresos”, explicou Sánchez. “É dunha insensatez supina perder ingresos e por tanto capacidade para prestar servizos a cambio de facilitar contratacións que nin sequera teñen que ser do propio municipio. Ter menos capacidade para ofertar servizos que os concellos veciños suporá que Cervo sexa menos atractivo para vivir e continúe a perder poboación”, afirmou o concelleiro nacionalista.
O concelleiro nacionalista botou en falta “a mesma axilidade do goberno municipal para reducir carga impositiva ás grandes empresas e a inexistente redución das taxas ao conxunto da poboación cando se produciron baixadas consecutivas no IPC, ou rebaixando os valores catastrais en datas recentes cando o catastrazo de Montoro”. O PP unha vez máis “demostra que goberna para quen máis ten e esquece as capas medias e baixas da sociedade”, concluíu.