Ribadeo, 9 de marzo de 2018. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) organiza unha nova fin de semana tecnolóxica, mañá sábado, en Ribadeo. No curso de soldadura TIG, que se desenvolverá en Talleres Cartoy, participarán quince persoas. Será impartido polo profesor Andrés Álvarez, do Centro Integrado de FP de Avilés e será en horario de dez da mañá a oito da tarde.
O presidente de APAGA, Álvaro Doural, explicou que “continuando co programa das fins de semana tecnolóxicas que a asociación ven a desenvolver desde comezo de ano, neste sábado, día 10, imos celebrar un curso de soldadura TIG no que van participar aproximadamente sobre 15 persoas, principalmente técnicos de empresa”.
Doural dixo que “estes cursos de soldadura están tendo unha acollida impresionante. Estase quedando bastante xente fora. Veremos a ver como podemos máis adiante programar outros. Están cumprindo os obxectivos previstos e a xente está marchando cunha boa satisfacción”.
O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia cre que “se reúnen as condicións adecuadas, unhas boas instalacións, uns bos equipos e un excelente profesor que realmente ven aportar grandes cousas. Está servindo para que todos estes técnicos de empresa, das empresas de aquí da zona, poidan perfeccionar a súa técnica e coñecer novos procesos de soldadura. Creo que se está facendo un traballo moi importante”.
Álvaro Doural engadiu que “se vai celebrar en Talleres Cartoy, no polígono industrial de Ribadeo, en horario de dez da mañá a oito da tarde”.
APAGA perfila tamén as vindeiras fins de semana tecnolóxicas nas que se abordarán cuestións como os aparatos de medida ou o son.