Foz 21-3-18. O Grupo Municipal de “Foz, Plataforma de Futuro”,Luís Alfonso Sixto Legaspi, Juan Luís González Riveiro e María Peña Rubiños Fernández a través do seu voceiro Luís Alfonso Sixto Legaspi presenta para o seu debate e aprobación no pleno deste Concello a seguinte moción:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A praia dos Xuncos en Cangas leva dende o ano 2016 sen rampla de aceso para persoas con mobilidade reducida, en Xullo dese mesmo ano “Foz ,Plataforma de Futuro” presentaba unha moción para debater no Pleno dese mes, sendo aprobada por unanimidade da Corporación Municipal. Pasaron case dous anos e dita rampla segue sen repoñerse. ”Foz, Plataforma de Futuro” loita para ter un Foz mais accesible pero sen embargo a desidia do goberno do PP no Estado fai que esta infraestrutura sega sen repoñerse. Estamos á porta da Semana Santa e o noso Concello recibe numerosas visitas e si o tempo acompaña inclusive mais dun se anima a ir darse un chapúzon, así como a temporada estival tamén está as portas e debemos loitar para que a praia dos Xuncos volva a dispor deste servizo.
Por todo o anteriormente exposto propoñemos á Corporación Municipal a aprobación do seguinte acordo:
-Instar ó Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, en concreto a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, á construción dunha rampla de acceso para persoas con mobilidade reducida, carriños de nenos ou cadeiras de rodas na praia dos Xuncos en Cangas como tiña ata fai uns anos.