Cervo, 21 de marzo de 2018.- Un ano máis, o Concello de Cervo, quixo celebrar o Día Internacional dos Bosques con diferentes actividades didácticas nos colexios do municipio.
Nesta ocasión, os nenos dos centros de Cervo e San Cibrao recibiron unha clase teórico-práctica da man dun técnico municipal experto na materia, que lles explicou a importancia de conmemorar días como o de hoxe co obxectivo de recordar e ter ben presente a importancia capital que teñen as árbores na nosa vida e na de todos os seres vivos que habitan o planeta.
Os pequenos tiveron que identificar as diferentes especies que están plantadas nos recintos escolares, que conforman un pequeño bosque botánico no que se poden atopar múltiples árbores froiteiras, ornamentais e forestais. Así, os nenos detectaron castiñeiros, camelias, abetos, pinsapos, loureiros, carballos, cereixos, amieiros, acebos…
O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, quixeron compartir con eles a actividade, programada por grupos, e ao remate entregaron a cada neno un recordo deste día en forma de árbore de madeira que recolle en cada rama unha mensaxe didáctica de respecto medioambiental.
Reduce, coida, respecta, colabora, planta, recicla, protexe e reutiliza son conceptos que, tal e como explicaron, “é importante que os nenos teñan en conta xa desde as idades máis temperás, porque a educación en materia ambiental é fundamental para reforzar actitudes e comportamentos para contribuír a preservar o planeta”.
O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, programa ao longo de todo o ano actividades de concienciación nos centros educativos do municipio.
Así, Méndez recordou que “temos en marcha o programa de visitas guiadas ás dúas plantas depuradoras principais do Concello e tamén organizamos plantacións de árbores autóctonas en diferentes fincas de titularidade municipal co fin de implicar aos rapaces en todo o proceso da plantación, e para que tomen conciencia da importancia do coidado dos bosques”.
Así mesmo, engadiu, tamén “instalamos composteiros nos nosos centros educativos co obxectivo de fomentar a autoxestión dos residuos orgánicos entre o alumnado”.
