Cervo, 10 de marzo de 2018.- O Concello de Cervo vén de clausurar o programa FORTIUS logo de 13 sesións nas que participaron 11 rapaces de entre 8 e 12 anos.
A edil de Educación, Dolores García Caramés, fíxolle entrega dos diplomas aos nenos, acompañada da psicóloga encargada de impartir o curso, Iria Díaz.
Caramés explicou que “o programa tivo unha gran acollida entre os rapaces, e foi concibido para promover as súas competencias persoais, mediante un conxunto integrado de coñecementos, habilidades e actitudes, co fin de fortalecer psicoloxicamente aos nenos, traballando a prevención de dificultades emocionais, contribuíndo a desenvolver unha personalidade saudable e a fomentar o seu benestar”.
A edil anunciou que o vindeiro martes, 13 de marzo, dará comezo un novo taller de educación emocional, impartido pola mesma profesional, e dirixido a alumnos de 3º a 6º de primaria, que se impartirá ata o mes de xuño, en horario de 18:45 a 19:45 horas. Os interesados poden formalizar a súa inscrición na Casa da Cultura (982.59.51.57).
Nas sesións o nenos traballarán o recoñecemento e a xestión de emocións, técnicas de autocoñecemento, habilidades de convivencia -empatía, responsabilidade, comunicación non verbal, traballo colaborativo…-; a resolución de conflitos interpersoais e diferentes técnicas de relaxación.
A edil recordou que ao tempo tamén se está a impartir o taller “PÁRATE E PENSA” “dirixido a mellorar a concentración e a reflexividade, a desenvolver habilidades de autocontrol, incidindo no manexo das emocións; contribuíndo así a reforzar, de xeito indirecto, as relacións sociais e o rendemento académico”. Desenvólvese en 22 sesións, polo que se prolongará, igualmente, ata o mes de xuño.