Foi este venres á tardiña. Día inusual para a celebración dun Pleno en Ribadeo aínda que hai que recoñecer que o asunto que se someteu a estudo e aprobación tampouco era ordinario. Tratábase da posibilidade de artellar unha solución posible, legal, eficaz e eficiente para o funcionamento do novo Centro de Atención a Persoas Maiores de Ribadeo.
Despois de que en decembro do pasado ano conseguísemos rematar a construción e máis o equipamento do edificio, desde o Concello de Ribadeo estivemos entregados plenamente á procura dunha solución satisfactoria que puidese cumprir os obxectivos que desde o inicio nos marcamos para a nosa nova Residencia: Que fose preferentemente para a xente do noso concello e que fose a uns prezos asumíbeis, tendo en conta as pensións escasas as máis das veces dos nosos maiores.
Atopamos un camiño, unha idea, un xeito posible de tecer lazos institucionais e administrativos co outro grande ente que leva estes últimos anos axudando moito a Ribadeo, isto é, a Deputación de Lugo. Con diálogo, con intercambio de impresións, coas nobres e leais aportacións dos técnicos municipais que se foron fundindo coas dos outros concellos participantes e cos da propia institución provincial ao longo destas últimas semanas, fixeron que nós, os representantes políticos dos veciños, atopásemos un modo de actuación en canto á cooperación estable coa Deputación, desde o respecto á autonomía municipal (por canto somos os Concellos quen temos esta competencia confirmada polas últimas modificacións normativas), pero co soporte técnico e económico do ente provincial.
O Pleno Extraordinario celebrado este venres foi tamén outro punto de inflexión moi positivo para a veciñanza. Sabedores de que moitas veces existen lexítimas discrepancias políticas entre os diferentes grupos da corporación, desta volta (como outras veces neste pasado inmediato municipal), todas e todos, goberno e oposición estivemos á altura do que a veciñanza puidera agardar dos seus representantes políticos, e consecuentemente votamos unanimemente a favor do Convenio marco entre o noso Concello e máis a Deputación para a xestión da nova Residencia de Maiores.
Nestas vindeiras semanas teremos que seguir a traballar intensamente para rematar de elaborar os regulamentos de acceso, as tarifas, o convenio específico e toda canta outra documentación se requira nesta fase. E con todo isto, deberemos ir á Xunta de Galicia para que nos outorgue esa simple pero importante autorización de funcionamento para poder arrincar canto antes, agora que xa temos resolta a cuestión do financiamento e o edificio rematado e preparado para funcionar.
Pero tampouco nos podemos esquecer da outra Residencia que xa temos, o Hospital-Asilo de San Sebastián e San Lázaro, rexido pola congregación relixiosa “Marta e María” que día a día coa súa abnegada dedicación e a do seu persoal fan que os seus usuarios e usuarias pasen dignamente os derradeiros anos das súas vidas. Temos que continuar neste ano coas operacións de remozado e adaptacións técnicas que require ese edificio que data de finais do século XIX e que quizais non teña todas as comodidades dun moderno pero que unha vez adaptado estará á altura de calquera outro novo. Cómpre neste caso que a Xunta, á que non se lle pide axuda económica algunha, non poña obstáculos para permitir a súa adaptación e modernización e outorgue sen demoras (como no caso da nova residencia) a autorización pertinente. Ribadeo poderá dobrar o seu número de prazas residenciais con estes dous inmobles a pleno funcionamento.
Como se pode ver, queda aínda camiño, certo, pero cada vez máis curto. Do que dende logo si debemos enorgullecernos é da boa disposición da Corporación Municipal para dar cumprida resposta a estes desafíos para maior honra dos nosos maiores. Ben o merecen. Agardo que así sexa e nada se torza. Parabéns a todos e todas os que directa e indirectamente fixestes isto posíbel. Seguimos.
Fernando Suárez Barcia
Alcalde de Ribadeo


















O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.



