Viveiro, 10 de abril de 2018.-O Departamento territorial de Lugo do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, dependente da Consellería do Medio Rural, deu traslado ao Concello de Viveiro, o pasado mércores 4 de abril, da denuncia efectuada por un particular, o propietario da gasolineira de Rio Pedroso, en Magazos (Viveiro) en relación co incumprimento da normativa sobre xestión da biomasa forestal.
En concreto, o titular deste establecemento de subministro de combustible alegaba o risco que provocaba o incumprimento da normativa vixente sobre separación das masas forestais, en relación cunha plantación de eucaliptos lindeira, alertando ademais a necesidade de adoptar medidas correctoras e sancionadoras polo organismo competente.
A administración autonómica procedeu á comprobación sobre o terreo dos feitos denunciados, corroborando a súa veracidade, e encargou un informe ao Servizo Xurídico que determina que é o concello de Viveiro quen ten atribuída a competencia sancionadora no presente caso.
De feito o artigo 17 da Lei 9/2017, do 26 de decembro, sobre medidas fiscais e administrativas, cita expresamente ás gasolineiras (xunto con outras instalacións sensibles como depósitos de lixo, cámpings, parques e instalacións industriais) entre os espazos nos que se debera respectar a franxa de 50 metros sen plantacións forestais.
A Xunta trasladou en todo momento ao denunciante as actuacións efectuadas así como a conclusión das mesmas e agarda que o Concello adopte as medidas correctoras e sancionadoras, se proceden, que estime acaídas.