Mondoñedo 18 de abril 2018: A Asociación Cultural As San Lucas dá a coñecer o programa completo para As Quendas 2018, que se celebrarán en Mondoñedo entre o sábado 28 de abril e o martes un de maio. O presidente do ente organizador, Miguel Souto, convida a visitar estes días a cidade, onde poderán desfrutar de actividades “moi variadas con iniciativas culturais, literarias, deportivas, gastronómicas, musicais e mesmo de humor”.
A cidade de Álvaro Cunqueiro arranca así un ano máis a celebración das súas feiras e festas que dan comezo con As Quendas, que teñen a súa orixe nunha feira franca que se celebraba durante tres días, -o primeiro día de maio e os dous días seguintes-; e rematan coas San Lucas, en outubro, celebración que ostenta o título de ser a feira máis antiga de toda a comunidade autónoma e “nas que xa estamos a traballar”, anuncia Miguel Souto.
Programa de actividades
Trala recepción das autoridades e da pregoeira na Casa do Concello o sábado 28 de abril, a partir das 20:15 horas, dará comezo a lectura do pregón que cada ano marca o inicio das festas e que nesta ocasión pronunciará a directora e produtora audiovisual, cun premio Mestre Mateo, Ruth Chao, quen di de Mondoñedo que é “un plató natural para as rodaxes”. Actuarán o Grupo de Gaitas Souto Xímaro e o Coro Mestre Pacheco da Escola Municipal de Música ‘O Pallarego’. Este ano tamén se procederá ao acendido do arco conmemorativo dos 125 anos da chegada da luz eléctrica a Mondoñedo e estarán xa abertos os postos de polbo na Alameda.
Ao día seguinte, o domingo 29 de abril, dende as 11:30 horas, terá lugar a I Xuntanza de Vespas, Lambrettas e Motos Clásicas ‘As Quendas’. A recepción dos inscritos realizarase no pazo de Santo Tomé (Antigo Centro Comarcal) e poderán participar nun programa de actividades que inclúe xantar no Bar-Polbería O Bigotes; proxección do documental O meu avó tiña unha igual; visita á exposición do escultor Juan Puchades, “mestre de mestres que chegou a Mondoñedo en vespa na década dos sesenta do pasado século”. Dita exposición recolle unha selección de obras de antigos alumnos de Puchades. Por último, os participantes nesta primeira xuntanza de motos clásicas darán unha paseo polas rúas da cidade ata a alameda. Os que desexen anotarse poderán facelo a través do teléfono 689 008 073.
O mesmo domingo, xa pola tarde, haberá no recinto da Granxa, a partir das 17:00 horas, unha exhibición e concurso hípico de salto, a cargo de Hípica Equs de Lugo e Centros Ecuestres. Tamén ás 19:30 horas, programase unha obra de teatro no auditorio Pascual Veiga, da man da compañía Daboapipa co espectáculo ‘Historias de Vida, Guerra, Amor e Case Morte”.
Na xornada do luns 30 de abril, o auditorio municipal Pascual Veiga, acollerá a partir das 21.00 horas o primeiro pase do monólogo de Xosé A. Touriñán. Dado o éxito que está a ter esta actuación, celebrarase un segundo pase ás 23.00 horas. As entradas pódense adquirir por cinco euros na oficina de turismo e o día da actuación humorística, no caso de que non se esgotasen con anterioridade. Este mesmo día pola tarde, dende as 16.30 horas, haberá un obradoiro de reciclaxe para nenos e nenas, na Casa da Xuventude, promovido pola Deputación.
Xa o martes un de maio, Día Grande de As Quendas, será a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar, a partir as 9.00 horas no Campo da Feira. Dende as 11.45 horas, a raíña das festas e damas xunto cos cabezudos e o grupo de música tradicional A Fonte de Merlán de Palas de Rei sairán da Casa do Concello e percorrerán os diferentes postos. Tamén polas rúas haberá Micromina Títeres co espectáculo Radio Loubicán. Xa as 13.30 terá lugar a entrega de premios no concurso de gando.
Mondoñedo é Poesía
O martes terá lugar a quinta edición da actividade cultural Mondoñedo é Poesía 2018, que convoca a numerosos autores e autoras (escritores, músicos, debuxantes, libreiros, críticos …) que en diferentes prazas e espazos culturais da cidade de Mondoñedo ofrecerán as súas creacións.
Os horarios son os seguintes: Ás 17:00h.: Praza do Seminario. 17:30h. Praza da Catedral e 18:00h. Praza Jaime Cabot.
Intervirán: Félix Villares, Miguel Lustres, CEIP Álvaro Cunqueiro, Rondalla O Pallarego, Chema Merino, Carmen Pavón Souto, Iria Rivas, Moncho Bouzas, Jaime Fernández, Belén Senín, Iris Carro, X. Ramón Sánchez, Carme Cociña e Javier F. Rouco.
Posteriormente de 18:30horas a 20.00horas, celebrarase o recital poético “Mondoñedo é poesía”, no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” co participación dos poetas Olga Novo, Ugía Pedreira, Lorena Souto, Chus Pato e Juan Carlos Mestre, con música de Miguel Lustres e Rebeca Maseda e videopoemas de Eduardo Estévez e Ignacio Castro “Nachok”. Presentará o acto Marina Oural Villapol.
Este ano, dende a organización desta actividade literaria e para celebrar a súa quinta edición, presentarase un libro con datos biográficos e poemas dos 91 poetas que interviron desde o inicio deste recital poético musical no 2014. A portada do libro é obra de Xosé Vizoso e no interior conta con ilustracións de Bernardino Vidarte, Alicia Puchades, Ernesto González Tortarelo, Caxigueiro, Ignacio Castro “Nachok” e Anton Caxoto.
De igual xeito e con ese afán de que as As Quendas conten cun destacado programa cultural e literario, tal e como evoca a propia cidade de Mondoñedo, con gran protagonismo na lingua e literatura galegas, todos os días tamén estará exposto un Tendal de Poesía, é dicir, unha instalación de traballos con poemas dos alumnos/as dos centros escolares de primaria e secundaria da localidade, que se poderán visitar en horario 18.30 a 21.30 horas, no Auditorio Pascual Veiga
Gastronomía
O domingo, luns e martes, os visitantes poderán degustar de balde na Alameda dos Remedios carne de Poldro Galego, servida por xentileza do Bar Pulpería O Bigotes e Puraga, entre as 13.00 e as 14.00 horas e as 20.30 e as 22.00 horas, con motivo da VII Edición das Xornadas Gastronómicas da Carne de Poldro Galego.
O día grande, o un de maio, é a XXXV Festa da Empanada, con tapas de empanada e de poldro nos bares e mesóns da cidade. Ademais, a partir das 11.30 horas, no Feiral diante da Alameda, será a V edición do Obradoiro de Amasado Artesán: elaboración, enfornado e cocido da empanada. Unha actividade aberta a todas as persoas interesadas en coñecer o proceso de elaboración do plan e a empanada e mercar dos dous produtos típicos da localidade.
Actuacións musicais
O sábado a música na Alameda virá da man das orquestras PK2 e La Fórmula; o domingo actuarán Palladium e Claxxon e o martes a orquestra Principal poñerá música a xornada grande de As Quendas.




















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



