A Mariña, 6 de abril 2018. Concelleiros do BNG de Xove, Cervo e Burela denunciaron hoxe a falta de pediatras nos centros de saúde destas tres localidades e anunciaron medidas para demandar solucións por parte da Xunta de Galiza. Os nacionalistas critican que o SERGAS non cubra as baixas e as vacacións do persoal médico, deixando a unha única pediatra cos pacientes que normalmente son atendidos por tres facultativos. Unha das dúas pediatras do Centro de Saúde de Burela está de baixa desde hai xa varias semanas, sendo substituída parcialmente por outro facultativo que ven de Lugo dous días á semana, quedando a outra pediatra ao cargo duns 1.300 nenos e nenas que ten asignados o centro durante os 3 días restantes.
Por se fose pouco, a isto xúntase que a pediatra que atende os centros de saúde de Xove e San Cibrao se atopa de vacacións sen que tampouco sexa substituída por outro facultativo, sendo derivados os seus pacientes a Burela.
O portavoz municipal do BNG en Burela, Mario Pillado, sinalou que “a día de hoxe, atopámonos con que unha única pediatra de Burela ten que prestar atención a uns 2.000 nenos e nenas de Xove, Cervo e Burela, co que isto supón para pacientes e profesionais”. Pillado, afirmou que “a situación na que se atopa a pediatría nos nosos centros de saúde é moi preocupante e debe solucionarse de inmediato, pois estamos falando da saúde dos nosos nenos e nenas”.
Carlos Fernández Louzao, concelleiro do BNG en Xove, lamenta que “os nenos e nenas do noso concello se teñan que desprazar a Burela para poder ser atendidos por un pediatra” e critica que a Xunta teña “tan descoidada a atención primaria, a máis próxima aos pacientes e á que se lle debera prestar máis atención e destinar máis recursos”.
Pola súa banda o edil do BNG en Cervo, Ibán Sánchez, sinalou as dificultades que teñen as nais e pais para concertar unha cita previa, “pois ao non ter pediatra no seu propio centro de saúde, o sistema non permite solicitar cita telefonicamente nin telematicamente, tendo que desprazarse a Burela e solicitar a cita presencialmente para despois ter que agardar a seren atendidos á hora concedida”.
Lamentablemente, esta situación non é nova, pois vense producindo con certa periodicidade nos últimos anos, como xa ten denunciado o BNG noutras ocasións. Desde a formación nacionalista anuncian que estudan presentar mocións nos concellos afectados, así como iniciativas no Parlamento Galego para instar á Xunta de Galiza a cubrir as prazas de pediatría nos centros de saúde de Xove, San Cibrao e Burela.
Esta precaria situación non é nova na Mariña
Para o BNG, esta situación repítese con demasiada frecuencia en moitos concellos da comarca, e ten que ver coa ofensiva que o PP vén perpetrando contra a Sanidade Pública e especialmente coa Atención Primaria na Mariña e o Servizo de Pediatría.
Os nacionalistas recordaron tamén o caso de Alfoz-Valadouro, que xa hai anos que perdeu o servizo, e que nais e pais siguen reclamando, servizo que de momento non se recuperou pese a que nos dous concellos se aprobaron por unanimidade de todos os grupos mocións para instar á Xunta á súa recuperación.