Foz 27-4-18. O BNG por medio das súas concelleiras Lorena Seivane García e María Teresa Rego Cabanas presentou unha moción no último Pleno pola vía de urxencia
na que propón que o Concello poña a disposición dos veciños O servizo de recadación para informalos de todo o relativo ao proceso de pago dos atrasos do IBI , facilitando o modelo de solicitude de aprazamento ou fraccionamento e axudándolles a cubrilo cando así o requiran .
Asimesmo , as concelleiras do Bloque propoñen que o Concello inste á entidade recadatoria a conceder o fraccionamento do pago no maior número de mensualidades posíbeis , atendendo especialmente aos casos debidamente xustificados que precisen dese fraccionamento debido aos baixos ingresos do contribuínte .
O BNG presenta esta moción porque entende que o goberno municipal , que decidiu o cobro dos atrasos do IBI correspondentes a catro anos ( desde o 2012 ata 0 2016 ) non pode desentenderse dun problema que afecta a unha grande cantidade de
persoas de todas as parroquias do concello , en moitos casos persoas cun baixo nivel de ingresos , que xa teñen dificultades para chegar a fin de mes ; pensionistas , asalariados e parados . O pago deste tributo cos atrasos que se reclaman vai poñer a moitos deles nunha situación de extrema precariedade . Por iso o Concello ten o deber moral de axudar a estas persoas .
Compre preguntarse se no seu momento o Concello informou debidamente aos veciños da revisión catastral levada a a cabo e da cobranza deste tributo , para que agora non se atopasen de súpeto con esta reclamación de pago con carácter retroactivo .
Chaman a atención a non prescrición deste pago e a rapidez recadatoria deste imposto por parte do Concello , que vai afectar a moitas persoas de baixos recursos , en contraste coa actitude do actual goberno municipal e do anterior cando deixaron prescribir pagos do I.B.I. por falta de vontade política de cobralos , sendo os principais morosos empresas promotoras da construcción , o que ocasionou unhas perdas de millóns de euros para a facenda municipal , como denunciaron en varias ocasións as concelleiras e concelleiros do BNG.
Lamentablemente cando se votou a urxencia da moción durante o pleno de onte, esta necesaria actuación non se puido debater grazas á abstención dos membros do Psoe e de Foz Plataforma de Futuro. Cando se leva unha moción de urxencia é necesaria a maioría absoluta de todas as concelleiras e todos os concelleiros presentes no pleno, neste caso non o creron necesario.