Burela, 17 de abril de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, mantivo un encontro nas últimas horas na Deputación de Lugo co presidente, Darío Campos. O obxectivo foi solicitar o apoio da institución provincial para que a Semana Santa burelesa sexa declarada festa de interese turístico de Galicia. Na xuntanza participou a presidenta da Comisión da Semana Santa de Burela, Olivia Cabanas.
O rexedor declarou que “onte estivemos na Deputación por petición da propia Comisión que está organizando a Semana Santa de Burela. Estiven alí coa presidenta e outros representantes, e basicamente do que se tratou foi de ter un primeiro contacto co presidente da Deputación porque a intención, tanto deles como nosa, é facer unha proposta en firme para que a Semana Santa de Burela sexa declarada de interese turístico galego”.
Alfredo Llano explicou que “estivemos comentándolle a nosa intención, o que se leva avanzado, o que se está facendo, como é a Semana Santa de Burela e as particularidades e singularidades con que conta. Falamos tamén de que imos facer unha reportaxe, posiblemente a través da TIC, da Semana Santa de Burela, e unha exposición na propia Deputación ao longo deste ano. Estivemos analizando ademais das axudas, do aporte económico que nos poden dar para facer as actividades correspondentes á Semana Santa, e outro tipo de axudas institucionais, que aí non houbo ningún problema”.
O rexedor pensa que “a presidenta da Comisión se foi contenta porque viu que había boa intencionalidade por parte da Deputación e tamén por parte do Concello para lograr que a Semana Santa se vaia reforzando, máis que nada porque se está traballando duro. Xa se leva 22 anos facendo esta Semana Santa de Burela e polo tanto consideramos que dunha maneira ou doutra debemos ter a intención clara de que se declare de interese turístico galego, e iso sempre dá ánimos e motivación para seguir”.
