Santiago de Compostela, 31 de maio de 2018.- A actividade louseira de Santa María Maior, xestionada en Mondoñedo por PIVERI S.L., é unha mostra máis do descontrol no que se desenvolve a actividade extractiva en Galiza, descontrol e impunidade aleitada pola deixadez da Xunta de Galicia. A empresa, en concurso de acredores, incumpre as súas obrigas laborais e os traballadores que levan xa catro meses sen cobrar. “Culmina así unha desastrosa xestión empresariais e ambiental pautada, nos últimos anos, por continuos incumprimentos da normativa ambiental e laboral que pode rematar con todos os seus traballadores no paro” como denunciou o viceportavoz de En Marea no Parlamento.
A explotación ocupa, ilegalmente, unha extensión superior á fixada na concesión orixinal (1,5 Ha), actualmente explotan 8 Ha invadindo parcelas privadas e mesmo destruído pistas de concentración de propiedade municipal. Son reiterados os incumprimentos das condicións da explotación: non hai pantallas vexetais, nin peche perimetral, non hai conservación do solo orgánico, nin se tratan as augas antes do verquido, tampouco se conservan os viais polos que transitan, a empresa non asistiu á xuntanza no Concello de Mondoñedo para resolver os pagos aos expropiados… Os directivos de PIVERI S.L. respectan nin as garantías ambientais, nin os dereitos laborais.
“É a historia, outra volta, dunha empresa depredadora que, despois de explotar os recursos, contaminar, provocar impactos negativos, marcha e deixa no lugar unha hipoteca que teremos que asumir con orzamentos públicos” salientou Sánchez. “O seu balance é un desastre ambiental. E traballadores desprotexidos e desempregados” engadiu.
A Xunta de Galicia, coa súa falta de iniciativa e control, non atallou as malas prácticas ambientais nin laborais de PIVERI S.L. nin atendeu en momento ningún as demandas dos veciños da Asociación de Afectados polas louseiras do Val do Río Baos, formada por habitantes das parroquias de Lindín e Santa María Maior que levan anos denunciando o grave impacto negativo que está a ter nas súas propiedades, nos acuíferos, e na contorna ambiental a actividade desta empresa extractiva.
Por iso, o grupo de En Marea considera obrigada unha intervención da Xunta de Galicia para protexer e garantir os dereitos laborais e salariais dos traballadores da louseira mindoniense de Santa María Maior, garantir o respecto da normativa ambiental e impoñer as sancións polos reiterados incumprimentos de PIVERI S.L. poñendo fin á situación de impunidade e malas prácticas empresariais que a inoperancia do Goberno Galego consentiu até agora.