Viveiro 31-5-18. O Concello de Viveiro rematou a execución da actuación denominada “Pavimentación e servizos na rúa Rego da Fonte en Celeiro – Viveiro (Lugo)” executada pola empresa Carferlo, S.L., por un importe de adxudicación de 187.550,00€.
O proxecto executado contempla a actuación de reposición da urbanización e mellora dos servizos urbanos existentes nun dos viais máis importantes do núcleo urbano de Celeiro.
As obras realizáronse no vial denominado Rúa Rego da Fonte que forma parte do viario interior do casco urbano de Celeiro, na zona comprendida entre a igrexa parroquial e a rúa Lavandeiras, así como nun ramal perpendicular a este vial denominado Camiño da Fonte.
Con esta actuación, levouse a cabo unha actuación integral dos servizos da rede de abastecemento de auga, rede de sumidoiros, rede pluviais e alumeado público realizados hai máis de 30 anos, que se encontraban nun estado de conservación moi deteriorado que orixinaban de forma continuada roturas en ditas canalizacións causando graves molestias tanto aos veciños como ao tráfico rodado e peonil existente na zona, e que debido ao crecemento urbanístico quedaron obsoletos.
Coa execución deste proxecto cumpríronse os seguintes obxectivos:
•Reposición do pavimento con baldosa hidráulica sobre soleira de formigón en zona de tránsito peonil e pavimentación con soleira de formigón en zona destinada a tráfico rodado.
•Dotación de servizos: dotación de bocas de rego e hidrante, mellora da rede de abastecemento de auga, saneamento e pluviais, disposición da canalización da líña eléctrica, telefónica e alumeado público.
•Dotación de mobiliario urbano.
Esta actuación está financiada pola Deputación de Lugo ao abeiro dun Convenio de Colaboración entre a Excma. Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro.