Burela, 31 de maio de 2018. O Concello acolleu esta mañá unha xuntanza para organizar o tráfico e a seguridade durante os días grandes das festas patronais. O sábado porase en marcha un dispositivo especial para a baixada da procesión ao porto. No encontro estiveron presentes membros da Garda Civil, da Policía Local e da comisión de festas.
O alcalde, Alfredo Llano, manifestou que “mantivemos unha reunión con responsables da Garda Civil, da Policía Local e da organización das festas, e estivemos falando de procurar unha seguridade en todos os aspectos. Por un lado, organizar a baixada todo o traxecto da procesión para que non tivera problemas en cuestións de seguridade e considerando todos os parámetros que puideran terse en conta, e tamén de organizar o tráfico”.
O rexedor anunciou que “o sábado, a partir das nove da mañá, vai estar xa prohibido estacionar e circular polas rúas da Igrexa, Correo, Eijo Garay e todo o que corresponde ao traxecto da procesión, incluída a paralela á nave de redes pasando a Cruz Vermella, que é por onde vai circular a procesión o sábado, aí tampouco se vai poder aparcar nin circular”.
Llano engadiu que “estivemos falando da seguridade en todos os aspectos, tanto para que exista fluidez na procesión como para que exista garantía de protección en todo o traxecto. E mañá, venres, ás dez e media aproximadamente, imos ter unha segunda reunión que lle chaman a xunta de seguridade técnica onde tamén estarán incorporados membros de Protección Civil, ademais da Garda Civil, da Policía Local e responsables das festas. Mañá miraremos como organizarnos mellor no aspecto da seguridade e do tráfico”.
O alcalde burelés subliñou que “se pretende que haxa unha boa procesión, que todo o mundo se sinta a gusto, que vexa perfectamente, a ver se temos bo tempo, que esperemos que si, para poder apreciar a confección da alfombra floral, poder gozar da procesión e sentirse seguros e ben organizados”.