Foz 3-5-18. O BNG de Foz levará a cabo unha campaña de recollida de firmas para reclamar a retirada do mastro que soportaba as antenas de telefonía móbil que estaban instaladas no alto do edificio da Telefónica ao lado do Colexio Público Nº1, e para esixir que nunca máis volvan a instalarse nese lugar outras antenas de telefonía móbil ou calquera outro aparello emisor de ondas electromagnéticas que podan poñer en perigo a saúde dos membros da comunidade educativa do colexio e das veciñas e veciños.
Cómpre lembrar que a retirada daquelas antenas fora o obxectivo dunha longa mobilización protagonizada pola comunidade educativa e o vecindario desde o ano 2002, que incluíu a presentación dunha queixa ao Valedor do Pobo, o que obrigou ao Concello a emitir decretos que acordaban a clausura cautelar inmediata das antenas. Os recursos de Telefónica Móbiles contra estes decretos topáronse con sentenzas do Xulgado Contencioso – Administrativo de Lugo e da Sala do Contencioso – Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que avalaban a validez daqueles decretos de alcaldía, deixando claro que as antenas de telefonía móbil debían contar cunha licencia de actividade, da cal carecían, por tratarse dunha actividade potencialmente perigosa para a saúde das persoas.
O BNG presentou varias mocións ao pleno do concello solicitando a retirada das antenas e do mastro e que non se concedese licencia de actividade para o seu funcionamento, invocando o principio de precaución diante dos posibles riscos para a saúde da poboación escolar e do vecindario.
En setembro do pasado ano foi aprobada por unanimidade outra moción do BNG que reclamaba novamente a retirada das antenas e do mastro. Seis meses despois, o mastro, xunto con dous dispositivos aínda non retirados, segue no mesmo sitio, sen que o alcalde se preocupe de reclamarlle á empresa que o retire, demostrando así o seu desprezo polos acordos do pleno, mesmo cando son unánimes, como é o caso desta última moción.
O vindeiro sábado, día 5 de maio, ás 12 da mañá na praza de Galicia, instalarase unha mesa para recoller firmas para a retirada do mastro, e volverá a instalarse os próximos sábados do mes de maio. Así mesmo, haberá pregos de firmas no local do BNG para aquelas persoas que non poidan pasar pola praza de Galicia.