Lugo, 29 de xuño de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, destacou que a Trátase dun documento co que dende este Goberno da Deputación mostramos a nosa clara defensa pola igualdade, sexas quen sexas e ames a quen ames e sintas o que sintas, e dentro da nosa firme aposta por ser unha Deputación coas persoas. A declaración reza o seguinte:
“Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos”. Estas palabras corresponden á redacción do artigo primeiro da Declaración Universal de Dereitos Humanos e é o incuestionable fundamento que rexe o traballo das Corporacións Locais españolas, entidades lexítimas e garantes da defensa e protección dos dereitos e deberes de todas as persoas que viven nos nosos territorios.
Cando se cumpren 70 anos da aprobación do documento declarativo aprobado pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas, 65 anos desde a aprobación do Convenio para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais e 39, desde a súa ratificación por España, a Deputación de Lugo adhírese, un ano máis, á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI como parte do seu compromiso coa igualdade de trato e de oportunidades que debe ser un principio fundamental e unha tarefa prioritaria para as Administracións locais.
O 28 de xuño, en recordo aos disturbios de Stonewall (Nova York), celebramos o recoñecemento formal dos dereitos das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuales fundamentado en valores universais e democráticos como a igualdade, o respecto, a diversidade e a liberdade e, ao mesmo tempo, lamentamos que este paso non se produciu a nivel mundial, nin de maneira plena. Lamentamos tamén que en moitos casos o recoñecemento dos seus dereitos non pase de ser un recoñecemento formal, que por desgraza en ocasións non é suficiente garantía para estas persoas de que os seus dereitos sexan efectivamente respectados.
Recoñecemos as moitas medidas que desde diferentes ámbitos veñen levando a cabo para apoiar ás vítimas e para modificar actitudes e solidarizámonos con todas as persoas que sufriron mostras de intolerancia, discriminación e violencia.
As Corporacións locais debemos seguir comprometidas co desenvolvemento e implementación de políticas e servizos públicos velando por unha garantía de igualdade efectiva con independencia da súa orientación sexual e identidade de xénero, como elemento esencial para a convivencia, o progreso e o desenvolvemento social e económico sostible.
Somos, as Entidades locais, a porta de entrada e primeiro termómetro das necesidades da cidadanía e salvaguarda da convivencia cidadá e non discriminación de todas as persoas, con independencia da súa raza, sexo, idade, procedencia e condición sexual, representamos un dos tres alicerces fundamentais sobre os que descansa a estrutura do noso Estado e contribuímos de forma inequívoca ao estado de benestar.
As administracións locais debemos reclamar o noso papel como axentes esenciais no deseño e o desenvolvemento de políticas transversais e estratéxicas que garantan a igualdade de trato, en dignidade e en dereitos.
Por todo iso, a Deputación de Lugo na liña das acción que vén desenvolvendo co obxecto de garantir o principio de igualdade de trato e de non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas homosexuais, bisexuais, transexuais, transxénero e intersexuais, declara a súa vontade de:
Adherirse á Declaración acordada polos Gobernos Locais reunidos na FEMP, co obxectivo de sumar a todas as voces que claman por un futuro en igualdade de todas as persoas á marxe da súa identidade sexual e/ou de xénero e da súa orientación sexual.
Reafirmar o compromiso cos dereitos humanos e, en consecuencia, coa diversidade sexual, así como da non discriminación das persoas pola súa orientación sexual ou identidade de xénero, recoñecendo os avances neste marco, á vez que reiteramos a nosa firme determinación de avanzar na superación das barreiras que aínda perviven hoxe en día.
Reclamar o recoñecemento ao alto grao de compromiso asumido na organización e prestación de servizos esenciais e aos cambios e innovacións, novos enfoques e metodoloxías que continuamos incorporando para asegurar a excelencia, dispoñibilidade e calidade que a cidadanía demanda e require.
Constatar a necesidade de investir en políticas en favor da diversidade sexual e a non discriminación das persoas pola súa orientación sexual ou identidade de xénero a través do desenvolvemento de programas e proxectos de atención, información, formación, sensibilización e concienciación, que fagan das nosas cidades e pobos espazos seguros para a diversidade sexual en todas as súas manifestacións.
Condenar calquera tipo de agresión, incluíndo tanto a violencia física como a verbal, a humillación e o menosprezo cara a persoas LGTBI no noso país e comprometémonos a continuar traballando na información e formación da Policía Local.
Afirmar que non son posibles as políticas de igualdade sen os Concellos nin Deputacións, algo xa recoñecido na Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuales en Galicia . Por ese motivo, reivindicamos a necesidade de dotar ás Entidades Locais das competencias nesta materia así como, e de maneira fundamental, de suficientes medios e recursos para, en colaboración co Goberno e a Xunta de Galicia, asegurar a implementación adecuada de todas as políticas e iniciativas necesarias para garantir a igualdade efectiva das persoas en todos os nosos pobos e cidades.
Continúan os actos da semana do Orgullo LGTBIQA+
Os actos de celebración da semana do Orgullo LGTBIQA+, nos que colaboran a Deputación e o Concello de Lugo continúan hoxe. Ás 20.30 horas haberá unha exhibición e Masterclass de baile da man da Academia Star Dance, baixo o lema Baile pola diversidade con orgullo, no fondo da Praza Maior. Se chovese, o espectáculo trasladaríase ao Mercado Municipal.
Os actos rematarán mañá, sábado 30 de xuño. Desde as 17:00 horas haberá na Praza da Soidade un mercadiño solidario de entidades LGTBIQA+ e colectivos feministas. Os actos conmemorativos clausuraranse, tamén na Praza da Soidade, co concerto Son, sinto, vivo¡¡, que comezará ás 20:00 horas e estará presentado pola Señora Paca, que tamén interpretará unha peza. A noite musical continuará coas actuacións do grupo ourensano de Soul e Jazz Canela Cafuné, o grupo Las Supremas de Lugo, e Tanxugueiras.