Cervo, 18 de xuño de 2018.- O Concello de Cervo acometerá nos vindeiros días unha renovación integral no patio de xogos da Veiga, ubicado en San Cibrao.
Así o comunicou este luns o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, quen, acompañado pola edil de Educación, Dolores García Caramés, visitou hoxe a zona na que se vai actuar na que “melloraremos a accesibilidade, substituiremos o mobiliario urbano, e tamén se retirarán as pezas de xogos que hai, instalando no sitio novos elementos de ocio alternativos para uso e desfrute da mocidade, diferentes aos que hai na Praza dos Campos”
Con esta actuación –engadiu o rexedor- pretendemos “mellorar e humanizar toda esta contorna, tan frecuentada anos atrás, plantexando unha zona alternativa, que queremos que sexa un novo punto de encontro para os mozos e mozas do noso municipio, no que poidan socializar e compartir tempo de ocio; pero tamén para os non tan mozos”; porque do que se trata, en definitiva, é de embelecer e facer máis confortable este espazo ao aire libre, situado no corazón de San Ciprián.