Foz 30-6-18. Nunha tarde na que varios eventos culturais e deportivos ocuparon a axenda mariñá, a filósofa Ana de Miguel encheu a sala de conferencias do Isla Nova Hotel de Foz. Case 60 persoas, maioritariamente mulleres, participaron na conferencia-debate dunha das grandes do feminismo e da filosofía contemporánea española.
“Pasamos do patriarcado da coacción ao patriarcado do consentemento” sentenciou a autora de Neoliberalismo sexual: o mito da libre elección. O recoñecemento explícito da inferirioriade intelectual, física e moral das mulleres transformouse nunha desigualdade amparada e reproducida, principalmente, nos “ámbitos da creación artística e cultural” que, lonxe de promover relacións de xénero igualitarias, promoven a subordinación das mulleres.
A autora, presentou o seu relatorio desde unha perspectiva pedagóxica, fiando todas as “marcas de xénero” das que son obxecto as mulleres como os buratos nas orellas, a tradicional herdanza do apelido paterno etc. De Miguel concluiu afirmando que aínda que os valores sexistas son, aparentemente, rexeitados, segue imperando o androcentrismo, que non é máis que considerar o masculino como o neutral, o principal, a esencia do ser humano.
A filósofa feminista conta cunha recoñecida traxectoria no ámbito da investigación e a docencia universitaria. Con pouco máis de 30 anos accedeu como profesora titular á Universidade da Coruña, incorporándose, 12 anos despois, á Universidade Rey Juan Carlos. Actualmente compaxina a docencia nesta universidade coa dirección dun curso sobre Teoría da Historia Feminista na Universidade Complutense de Madrid. Desenvolveu unha liña importante de investigación sobre o marxismo e o feminismo e, ademais da historia da teoría feminista, os ámbitos da sexualidade e a prostitución levan tempo sendo obxecto da súa investigación “o sexo, en xeral, está sobrevalorado e chegamos ao punto de confundir liberdade e igualdade social con liberdade sexual”. No relato da súa obra, De Miguel afirma que estamos consentido a cousificación das mulleres e a compra-venda dos seus corpos como simple mercadoría.