Burela, 24 de xullo de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, asegura que tanto o Concello como a SD Burela están moi decepcionados tras a suspensión do partido que ían disputar na Marosa o CD Lugo e Real Oviedo o vindeiro 1 de agosto. O rexedor culpa de todo o sucedido ao Lugo e subliña que o campo se atopa en perfectas condicións para a disputa dese encontro amigable. Llano dixo que desde o 14 de xuño non se xoga na Marosa, un terreo que se estaba a coidar para que estivese listo de cara a esta cita. Alfredo Llano acusa ao CD Lugo de incumprir o convenio asinado no seu día coa SD Burela e no que figuraba que o equipo da capital, que milita na 2ª división, acudiría a Burela a xogar un partido ou a realizar algún adestramento, cousa que ata o momento non se produciu. E apuntou que o Lugo terá os seus intereses para non querer xogar o partido en Burela e levalo a outro lugar.
Alfredo Llano, que esta tarde mantivo un encontro dos directivos da SD Burela, xunto ao concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, declarou que: “a verdade é que tíñamos unha ilusión grande aquí, en Burela, porque chegáramos a un acordo co Club Deportivo Lugo para facer un partido amigable motivador para os nosos rapaces que practican fútbol e criamos que incluso sería un bo complemento para a nosa Feira do Bonito, pero resulta que ese compromiso veuse abaixo non sabemos moi ben por que”.
O alcalde de Burela lembrou que “o partido ía ser o día 1 de agosto, o próximo mércores, e o venres pasado falei co presidente do Club Deportivo Lugo e díxome que o Oviedo non quería vir aquí porque o estado do noso campo, o da Marosa, tiña certas dificultades para practicar fútbol uns xogadores de Segunda División, porque vían que había algún desnivel e algunha irregularidade. Iso parécenos que é un desculpa malísima, pero pensamos que igual estaba moi xustificada e argumentada. Sen embargo agora sabemos que o propio director deportivo do Oviedo dixo que o campo valía, cando veu aquí a velo; comentou que había que regalo o día que se fora a xogar e segalo un pouquiño e que servía perfectamente”.
O rexedor engadiu: “por tanto non sabemos moi ben a que veu isto de anular o partido antepoñendo que o campo da Marosa non servía, cando realmente está nas mellores condicións que estivo nunca. Durante todo o ano estivo cun mantemento perfecto, faise a conservación e todo o necesario para que a herba estea no seu mellor estado para xogar, porque aquí é certo que xogamos en categorías inferiores, pero para nós é tan importante un xogador da categoría do Burela como o dun equipo de primeira ou de segunda división. Se realmente teñen perigo uns tamén o teñen os outros”.
Para Alfredo Llano “aquí o que sae á luz é que o Club Deportivo Lugo toma a decisión de irse a outro campo a xogar este partido única e exclusivamente pensando nos seus intereses, sen preocuparse para nada do compromiso adquirido con nosoutros. Tíñamos un compromiso, sabíamos que ía vir o día 1 e cando falta unha semana para o partido dinnos que non están de acordo co estado do campo e que se van a outro sitio. Eu penso que aí vese unha falta de responsabilidade e ademais non fomos informados da decisión nin tampouco tivemos unha xustificación clara e contundente de que o campo non sirva para xogar”.
O alcalde burelés insistiu en que “é unha decepción absoluta, cremos que non houbo responsabilidade por parte do Club Deportivo Lugo neste aspecto, porque podía comprometer máis ao Oviedo, pois o propio director deportivo dixo que o campo valía. Así que non entendemos a decisión de cambiar de campo. Cremos que se xogou coa Sociedade Deportiva Burela e co Concello dado que se tomaron as decisións dunha forma totalmente unilateral, non se deron explicacións e fixeron o que quixeron sen máis, sen ter en conta o compromiso que había adquirido e que nosoutros estábamos ilusionados e tiñamos todo nos programas da Feira do Bonito, estaban os carteis feitos, porque tíñamos a total seguridade de que se ía xogar o partido aquí. É unha pena, hai unha decepción grande no club e no Concello, basicamente sabendo que aquí prevalecen outros intereses por enriba do compromiso, a responsabilidade e quedar ben co que hai que facer”.
Llano dixo: “miraremos noutra ocasión de traer a outros equipos que realmente teñan altura para que sexan motivadores para vir a Burela. E agora estamos descontentos e falaremos co Club Deportivo Lugo sobre o convenio que teñen asinado coa Sociedade Deportiva Burela e no que se comprometía o CD Lugo a vir como mínimo unha vez aquí a adestrar ou a xogar un partido, pero romperon o compromiso xa dúas veces, o ano pasado e este, con esta sorpresa a última hora de que non podían vir xogar aquí a Burela”.
