Lugo, 17 de xullo de 2018.- A Xunta de Galicia ten previsto completar a finais de mes o plan de limpeza de marxes das estradas autonómicas na provincia que está a desenvolver nas últimas semanas e que afecta a máis de 1.490 quilómetros da rede viaria.
A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, inviste para este fin 808.000 euros e inclúe distintas labores de roza da vexetación nas marxes.
O Goberno galego iniciou estes traballos xa no mes de maio naquelas zonas onde a vexetación, por particularidades climáticas ou biolóxicas, presentaba un estado máis avanzado.
Os técnicos indican que estes traballos deben realizarse cada ano entre a primavera e o verán cando xa xerminaron as especies herbáceas, con tempo seco, e consisten na sega da vexetación e a extensión de herbicida para atrasar no posible a aparición de novas plantas.
A administración autonómica lembra que a limpeza das marxes incrementa a seguridade na circulación, ao mellorar as condicións de visibilidade e diminuír a presenza de materia potencialmente esvaradiza; optimiza a capacidade de evacuación dos sistemas de drenaxe da estrada (cunetas, tubos…), e favorece a percepción da irrupción de animais na calzada con maior antelación, o que favorece o tempo de reacción do condutor.
Ademais, a limpeza das cunetas incrementa a efectividade da estrada como cortalume en caso de incendio e o aspecto despexado disuade de posibles verquidos incontrolados.