Viveiro a 16 de agosto de 2018. Dos tres médicos que pasan consulta na quenda de tarde no Centro de Saúde só un traballou o mércores 14 de agosto, nunha poboación que ademais medra coa chegada de veraneantes, denuncia a CIG.
O SERGAS NON CUBRE AS AUSENCIAS DO PERSOAL.
Unha médica atópase de excedencia (sen substituír), outro médico de vacacións (non se substituíu) quedando o centro cunha soa médica, unha práctica que o SERGAS nega pero que é desmentida pola realidade do día a día e as denuncias de pacientes nos distintos centros de saúde da Mariña.
Dende a central nacionalista lembran tamén que na quenda da mañá hai dous médicos que levan sen cubrir durante todo o verán, unha médica que marchou por un nomeamento político e un médico que se xubilou.
TRES HORAS DE AGARDA PARA COMUNICARLLES QUE NON TERÍAN ASISTENCIA.
“A persoas xa estaban citadas xa que o SERGAS comprometerase a cubrir un segundo médico, mais chegaron as seis da tarde e foilles comunicado que tiñan que marchar para as súas casas xa que finalmente non ían mandar ningún substituto, quedando sen asistencia sanitaria”, afirman dende a central nacionalista.
QUEIXAS OFICIAIS POR ESCRITO.
As numerosas persoas que tiñan cita para esa tarde do mércores 14 de agosto amosaron a súa indignación, e rexistraron oficialmente follas de reclamacións contra o que consideran un novo ataque á sanidade pública da Mariña que contribúe aínda máis a desmantelar a Atención Primaria.
GRAVE PERDA DE CALIDADE ASISTENCIAL
“A amortización de prazas nos Centros de Saúde, a falla de cobertura das ausencias dos profesionais, a contratación en precario por días e incluso por horas provoca unha sobrecarga de traballo que repercute nunha grave perda da calidade asistencial”, lembran dende a central nacionalista.
Para CIG-Saúde é fundamental recuperación dos postos de traballo suprimidos nos últimos anos para garantir a calidade asistencial, a estabilidade laboral e acabando coa precariedade que presenta o sistema.
DESMANTELAMENTO INTENCIONADO DA SANIDADE
Segundo CIG-Saúde, este é o modelo que o goberno de Feijóo e demais gobernantes do PP promoven e impulsan a través dos seus xestores da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte e que está a provocar o desmantelamento intencionado da atención sanitaria. É o modelo da destrución de emprego, o modelo do deterioro progresivo da Atención Primaria, asfixiando os seus profesionais co interese de trasladar á cidadanía a percepción dunha sanidade precaria e insostible, e deste xeito, ir desmantelando pouco a pouco.
Para CIG Saúde A Mariña é fundamental rescatar a sanidade pública galega e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio.
“Rexeitamos as prácticas irresponsábeis e temerarias coas que a xerencia da estrutura de xestión integrada de Lugo tratan a poboación de Viveiro en concreto e da Mariña en xeral e exiximos a cobertura de todas as ausencias para garantir unha calidade asistencial digna”, afirman.