Burela, 28 de setembro de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, mantivo un encontro esta semana con responsables de Costas para abordar temas como os arranxos que se acometerán no parque infantil do Cantiño para adaptalo á normativa legal vixente. Alí tamén se substituirán os bancos e actuarase nun valado de seguridade, ademais de crearse prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida. A construción dunha escaleira na praia do Cabaliño e a reposición dunha parede, que tirou un temporal hai meses, na zona da Marosa serán outras das actuacións a realizar.
O rexedor burelés declarou que “entre outras cousas acordamos mellorar a zona infantil no Cantiño, ordenar aquel parque infantil e colocalo conforme á normativa actual de seguridade nos xogos. Ademais temos que substituír os bancos que temos alí, que xa levan moito tempo e agora empezan a deteriorarse. Imos substituílos por bancos moito máis modernos e cun material que aguante máis as inclemencias do tempo. Tamén hai alí un valado de seguridade do que se desprendeu unha parte polo efecto do mar, imos facer unha reposición e completalo no seu perímetro de modo que vai quedar moito máis vistoso e seguro. Outra cousa que temos prevista é crear prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida”.
Alfredo Llano relatou que “tamén imos facer unha escaleira de acceso á praia de O Cabaliño que facilitará o acceso a ese areal, algo que era moi demandado por moita xente, e vaise acometer xa para que estea lista para o ano que ven e poida ser empregada pola xente que vai alí. Despois miraremos unha parede que levou por diante un temporal na zona da Marosa, para repoñela porque cremos que é fundamental para a xente que pasea por alí. Ademais imos adecuar á normativa actual o parque infantil que hai na praia da Marosa”.
O alcalde de Burela manifestou que “hai un proxecto que tíñamos estancado, xa desde o ano 2008-2009, que é un arranxo substancial que queremos facer para mellorar as instalacións para os socorristas da praia de O Portelo. Imos ver se retomamos un proxecto que xa está feito e aprobado. A ver se agora podemos solicitar unha subvención do Ministerio do que depende Costas para poder facer este proxecto que é importante e aplicaríase no paseo marítimo da praia do Portelo. Aí poñeríamos servizos sanitarios e unha sala onde podería ir unha zodiac para salvamento e material para os socorristas. Sería algo que complementaría e faría moito máis atractiva a praia do Portelo”.
Llano dixo que “estas obras vanse acometer o antes posible e esperemos que con isto siga gañando en interese e facilidade para poder pasear tanto polo Cantiño como pola Marosa, e procurar facer un atractivo máis para que o pobo sexa moi recomendable para que veña todo o mundo ata Burela visitarnos”.