Viveiro 13-9-18. Como Alcaldesa, en nome dos veciños de Viveiro, quero felicitar publicamente a Sons de Celeiro pola súa traxectoria ao longo destes anos e, así mesmo, pola publicación do disco “Cantar ben ou non cantar”, que foi presentado o pasado 18 de agosto. Trátase do seu segundo traballo discográfico, tras o lanzamento de “Novos Cantares” en 2015, e supón un novo paso nunha traxectoria caracterizada polo éxito e o recoñemento do traballo ben feito.
Dende o Concello sentímonos orgullosos dos éxitos deste grupo de voces mixtas de todas as idades e de diversas profesións que comparten a súa paixón pola música, que transmiten en cada un dos seus traballos e concertos, nos que Viveiro sempre ocupa un lugar especial. Mañá venres teremos a oportunidade de disfrutar, unha vez máis, das súas cancións coa actuación de Sons de Celeiro no programa da TVG Luar; inician deste xeito unha nova temporada na que, estamos convencidos, continuarán consolidando unha carreira musical que xa é unha referente na oferta cultural da comarca.
Dende o Concello de Viveiro traballamos arreo na defensa e promoción da cultura en todos os seus ámbitos e, consecuentemente, o grupo Sons de Celeiro conta co noso apoio e recoñecemento. A todos os seus integrantes, os nosos máis sinceiros parabéns!