Ribadeo, 12 de setembro de 2018. O Partido Popular denuncia a falta de recollida de residuos en Ribadeo durante moitos días por culpa da mala xestión do goberno municipal, a diferenza do ocorrido en Foz, onde os veciños non sufriron este grave problema aínda que a empresa que prestaba este servizo é a mesma.
O portavoz do PP ribadense, Jesús López Penabad, explica que “podemos ver desde hai moitos días, como xa denunciaron tamén os compañeiros do PSOE, a situación en que está Ribadeo en canto á recollida de residuos tanto de plástico como de cartón. O certo é que a empresa que prestaba este servizo quebrou, pero anteriormente a isto avisou ao Concello de Ribadeo e a outros, como o de Foz, porque alí era a mesma empresa a que facía ese labor. E podemos ver a xestión que se fixo no Concello de Foz e o que ocorre en Ribadeo, pois en plenas festas patronais de Santa María do Campo a vila daba asco, con montóns de residuos amontoados nos contedores amarelos e nos de cartón”.
Jesús López Penabad engadiu que “o equipo de goberno dicía que non se podían tomar medidas ata que non fora efectiva a non recollida dos residuos, pero xa levamos uns cantos días nos que é así e isto ten poucos visos de solucionarse. A imaxe que está dando Ribadeo é lamentable, situación pola que neste caso temos que responsabilizar á Área de Medio Ambiente no equipo de goberno, porque pode facerse a comparación con Foz, onde o problema era exactamente o mesmo e alí estanse recollendo tanto os contedores amarelos como os de cartón con outra empresa. Estaban avisados, igual que o Concello de Ribadeo, pero o goberno municipal de Foz fixo o posible para solucionar o problema e logrou que se seguira prestando ese servizo para manter a vila limpa. Pero en Ribadeo non foi así pola falta de xestión e o pasotismo do equipo de goberno, porque no verán e en plenas festas patronais ter a Ribadeo desta maneira parécenos moi lamentable. É outro exemplo máis da forma de gobernar do BNG no Concello de Ribadeo”.
