Foz, 28 de novembro de 2018. Foz conta cunha nova oferta de fibra óptica para o municipio, que foi presentada onte, martes, na Casa da Cultura. No acto participou o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, quen salienta que permitirá mellorar a velocidade de internet aos usuarios e usuarias.
O rexedor explicou que “onte na Casa da Cultura tivo lugar a presentación da empresa Adamo da súa nova oferta en telecomunicacións para o concello de Foz, concretamente a ampliación e a nova instalación de fibra óptica no noso concello, acto ao que asistiu numeroso público”.
Javier Jorge Castiñeira engadiu que “o Concello de Foz está totalmente de acordo e é favorable posto que é unha oferta máis para a mellora dos servizos de telecomunicacións no noso concello e que permitirá, ademais de mellorar a velocidade de internet aos usuarios do concello de Foz, especialmente no núcleo urbano que é por onde empezaron xa os traballos, poder chegar tamén a máis veciños tamén no rural”.
O alcalde subliña que “esta aposta non leva implícita obras de canalizacións porque se aproveitan as eléctricas de Begasa, o cal é outra cousa de interese para o Concello posto que evita as molestias de meter o cableado por todas as rúas do concello. Estamos contentos porque é unha oferta máis que permitirá aos usuarios de Foz buscar alternativas en diferentes operadores de acordo coas súas necesidades, que é o máis importante. Haberá moitas máis posibilidades tamén para os núcleos de poboación fóra do casco urbano, posto que as canalizacións están feitas e o investimento sería moito menor no caso de que haxa un certo número de altas que permita a viabilidade de levar a fibra a eses núcleos. E os traballos de instalación xa comezaron”.
