Burela, 28 de novembro de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, mantivo un encontro con Augas de Galicia no Concello para analizar o proxecto de construción da nova Edar. O rexedor dixo que “estamos á espera de recibir o informe sectorial de Medio Ambiente. O obxectivo é licitar o proxecto o antes posible”. Llano anunciou que nos vindeiros días terá lugar unha xuntanza en Santiago entre Portos, Costas, Augas de Galicia e o Concello de Burela.
O alcalde contou que “recibimos a visita dos técnicos de Augas de Galicia, co director de proxectos, e estivemos vendo o avance que se está dando na construción da nova Edar. Vimos en que punto estamos. Imos bastante avanzados no que é a consideración do proxecto, o que se pretende facer e onde, e todo o que ocupan as instalacións da nova Edar”.
Alfredo Llano dixo que “agora estamos agardando que nos dean o informe sectorial que temos pedido a Medio Ambiente, e unha vez que o teñamos van procurar ter o anteproxecto rematado para licitar a obra o antes posible. Estivéronos explicando o que teñen pensado facer, que tipoloxía pode levar a nova Edar, as canalizacións e todo o que hai que instalar, e tamén as instalacións complementarias para un tratamento efectivo da auga que evite inundacións como as que está habendo”.
O rexedor burelés subliñou que “este proxecto é realmente importantísimo, complexo e moi necesario para Burela e temos que darlle para adiante o antes posible. Quedamos para coincidir a semana que ven ou a seguinte, en Santiago, con Portos, Costas, Augas de Galicia e o Concello de Burela para ir mirando de ter todos os permisos en regra, informar aos afectados de todo este proxecto como son Portos e Costas e sobre todo conseguir os permisos para avanzar na licitación. Así que a ver se pode ser en breve este encontro para ir xa dando pasos en firme e que vaia collendo forma e fondo este proxecto, que é tan necesario para Burela”.
