Viveiro 28-11-18. Este xoves 29 de novembro, o Coro da Mariña, que codirixen Pierrot Rougier e Ugia Pedreira, cantará en Viveiro, no Teatro Pastor Díaz e terá como convidado especial ao músico David Bellas que acompañará como convidado especial a esta formación mariñana neste concerto.
A temática deste coro ten como fío condutor o mar, a súa poética e a súa cultura, harmonías e melodías que teñen o mar como fonte de inspiración. Interpretan pezas de todos os estilos musicais, desde pop-rock a música popular. “Calquer canción—segundo deixaron dito cando iniciaron a súa andaina—é óptima para ser arranxada a voces por Pierrot Rougier e guiada pola técnica e experiencia escénica de Pedreira”.
Este concerto fai parte da programación do Outono Cultural do colectivo viveirés Pensamento e sementeira. Dará comezo ás 20:30 horas e a entrada será libre até completar o aforo.