Viveiro, 22 de abril de 2019. Tras a finalización da Semana Santa, dende o Concello de Viveiro consideramos que é necesario facer balance destes días atendendo tanto ao desenvolvemento propio da celebración como ao resultado do operativo de seguridade instaurado e ao número de visitantes que se achegaron ao municipio para disfrutar destas datas.
O tempo foi propicio durante a maior parte da semana e practicamente todas as procesións e actos luciron no seu máximo esplendor, con excepción do Vía Crucis dos Homes, a Procesión da Misericordia e o Encontro, que non puideron saír por mor da choiva. Entre todos os actos, dous tiveron este ano un significado especial: por un lado, a tamborrada, na que participaron dez membros de Aspanane grazas a unha iniciativa que supón un gran paso para a integración das persoas con discapacidade intelectual na sociedade, e polo outro, a Procesión da Pasión, na que se conmemorou o 75 aniversario da Cofradía da Piedad, cunha procesión na que participaron 8 pasos e máis de 1.500 persoas, convertíndose nunha das máis emotivas. Un ano máis, cada unha das cofradías traballaron arreo para que cada unha das procesións e actos que conforman a nosa Semana Santa saíran á rúa amosando a súa grandiosidade e permitindo a veciños e visitantes disfrutar duns pasos que destacan pola riqueza patrimonial da súa imaxinería e a súa antigüidade.
Con respecto á afluencia destes días, estímase que máis de 40.000 visitantes se achegaron a Viveiro para disfrutar destas datas. Cabe destacar que a ocupación hoteleira no municipio acadou o 100 %, resultando tamén un balance altamente positivo por parte do sector hostaleiro (bares, restaurantes, etc.) e do comercio en xeral, nos que o gran número de visitantes repercutiu favorablemente. O número de persoas que se achegaron á oficina de turismo para solicitar información tamén se incrementou con respecto ao pasado, rexistrándose máis de 5.000 visitas; neste sentido cómpre indicar que houbo visitantes das dezasete comunidades autónomas e de dez países diferentes, destacando os turistas vidos de Francia. Cabe sinalar, finalmente, que o Xoves Santo a oficina de turismo, en colaboración coa Xunta de Cofradías, ofreceu unha degustación gratuíta de pan dos apóstoles, que resultou todo un éxito esgotándose todas as existencias.
Faise preciso facer balance tamén do operativo posto en marcha dende o concello para garantir en todo momento a seguridade durante esta celebración. Neste sentido cabe destacar que non se produciron incidencias destacables con respecto á xestión e ordenación do tráfico, rexistrándose unicamente franxas horarias con maior intensidade de circulación sin chegar a producirse retencións de importancia; a pesar da grande aglomeración de persoas, tampouco se produciron incidencias graves sobre temas de seguridade cidadá. Cabe destacar, por último, que dende o concello se levaron a cabo controis de documentación de vehículos e condutores, cun total de cero infraccións; controis sobre os horarios de peche dos establecementos de hostalería, sendo a tónica xeral o cumprimento dos mesmos e control do botellón, entre outras labores que permitiron que a Semana Santa discorrese con normalidade e coa seguridade que requiren este tipo de eventos.
Quero, finalmente, agredecer publicamente a todos aqueles que fixeron -co seu traballo, participación ou asistencia- que a Semana Santa de Viveiro fose un gran éxito, confirmando a tendencia dos últimos anos nos que veñen superándose as mellores expectativas e aumentando o número de visitantes. Neste sentido quero salientar a labor da Xunta de Cofradías que conforman as oito Cofradías que forman a Semana Santa de Viveiro que, xunto co Concello de Viveiro, de forma conxunta e coordinada, leva anos traballando para potenciar e promocionar esta celebración, xusta merecedora da súa distinción como Festa de Interese Internacional e consolidada como un dos eventos máis importantes de Viveiro. Tamén quero facer unha mención especial a todo o persoal do Concello de Viveiro, ao Servizo Municipal de Limpeza e ás forzas e corpos de seguridade -Policía Local, Protección Civil, Policía Nacional, Garda Civil, Bombeiros…- polo seu extraordinario traballo, velando en todo momento pola normalidade e seguridade da celebración. E por último, neste agradecemento quero citar, de maneira especial, a todos os veciños e veciñas de Viveiro pola súa implicación e por ser, sen dúbida, parte do éxito da nosa Semana Grande, agradecendo a súa comprensión polos cortes de tráfico e demais medidas adoptadas por seguridade alterando a súa normalidade. A todos a nosa máis sinceira gratitude.