Lugo, 23 de abril de 2019.- O candidato do PSOE ao Senado pola Provincia de Lugo, César Mogo, subliñou este xoves que “o PP e Barreiro din un día unha cousa e ao seguinte a contraria. Un día din que están lexitimados para gobernar con Vox e ao seguinte que están nas antípodas. O certo e que o Partido Popular quere gobernar coa extrema dereita, por iso necesitamos unha maioría ampla, máis Deputados e máis Senadores do PSOE. Os cidadáns necesitan un goberno reforzado para poder acometer as medidas que non nos deixaron facer PP, C´s e independentistas no Executivo do Estado”.
Mogo subliñou que “os socialistas puidemos desenvolver, en tan só 10 meses, iniciativas tan importantes para os nosos veciños no seu día a día como o aumento das pensións, a subida histórica do Salario Mínimo Interprofesional ata os 900 euros, que as coidadoras de dependentes coticen na Seguridade Social ou dar cobertura de desemprego aos maiores de 52 anos, entre outras medidas sociais, dentro do noso compromiso co benestar dos cidadáns”.
Unha maioría para levar a cabo máis medidas
“Agora, necesitamos unha maioría máis ampla para que o Goberno de Pedro Sánchez poida levar a cabo todas as medidas presentadas con 84 deputados e que foron rexeitadas sistematicamente polas dereitas. Por exemplo, é unha prioridade acabar co copago sanitario que impuxo o PP aos nosos pensionistas, queremos ofrecer un ingreso mínimo vital ás persoas que non teñen recursos e loitar contra a pobreza infantil pois os nenos non poden vivir en situacións tan precarias”.
“Para facer realidade todas estas iniciativas é necesario que os socialistas non dependamos de ninguén para gobernar. Por iso, facemos unha chamada ás urnas e á mobilización o próximo 28 de abril para contar en España cunha maioría de progreso e de futuro e, deste xeito, non se instale o retroceso das 3 dereitas que suporá unha peor calidade de vida para os nosos veciños”, apuntou César Mogo.