O Vicedo 30-4-19. Este martes presentouse na Casa da Cultura do Vicedo o Trail do Vicedo, que contará con tres categorías: Trail curto de 15 km, Trail longo de 25 km e andaina popular de 15 km. Na mesma participaron o Alcalde Presidente do Vicedo, D. José Jesús Novo Martínez, persoal do Concello e integrantes de Peña Lar de Viveiro, que colabora na organización do evento.
Na presentación destacouse que a 20 días da celebración do evento está
aumentando moito o número de inscritos pero aínda quedan prazas libres
(por cuestión de seguridade e loxística vaise limitar a participación a
125 persoas por categoría). Tamén se destacou como punto forte do trail
a beleza das paraxes onde van discurrir as distintas probas, auténtico
punto forte tanto do Concello de O Vicedo, como do resto da Mariña de
Lugo. Lembrouse que a proba pasará por sitios tan emblemáticos a nivel
turístico e paisaxístico como Fuciño do Porco e as praias de Area
Grande, Xilloi, Caolín e Vidreiro. Coa celebración destas probas
preténdese incrementar a oferta deportiva do Concello, que se une a
outras actuacións como a adecuación e mantemento das rutas de
sendeirismo homologadas e non homologadas actuais no Vicedo (PR-G 156
Costa de O Vicedo, Sendeiro azul Abrela-Punta Socastro, Camiño natural
Ruta do Cantábrico e a PR-G 8 Morgallón – Río Sor – Morgallón, que non
está neste trazado pero que tamén pertence a este Concello). Por tanto,
a habilitación destas rutas serve non só para acoller a sendeiristas
senón para acoller probas como estas, que agradecen moito que haxa rutas
xa establecidas que facilitan a creación de trazados deportivos.
Por outra banda, esta proba pretende mostrar un dos puntos fortes
turísticos do concello, a costa de O Vicedo, que será percorrida de
leste a oeste pasando por lugares tan emblemáticos no ámbito do turismo
como Fuciño do Porco, Area Grande, mirador de Coelleira, Xilloi e
Caolín. Ademais, elixiuse unha data que coincide coa ponte do Día das
Letras Galegas, que se pretende que facilite a participación de
deportistas de toda Galicia, que non só veñan a competir, senón que
pasen tamén algún día máis visitando a zona.
