Cervo, 13 de maio de 2019. O BNG de Cervo presentou a súa candidatura para as próximas eleccións municipais na tardiña do pasado venres 10 de maio, nun acto celebrado na Pousada O Almacén, en Cervo. A lista intégrana un total de once titulares e cinco suplentes, todas elas persoas moi vinculadas co Concello e comprometidas coas melloras colectivas. Encabeza a lista Diego Fernández Martínez, de Lieiro, que define a súa candidatura como “un equipo cheo de ilusión e de paixón por Cervo, co propósito de sacar ao Concello da inercia e das políticas improdutivas de reparto de favores e compra de vontades que leva sendo desde hai máis de vinte anos os gobernos do PP”.
Aos seus 32 anos, o candidato á alcaldía Diego Fernández conta xa cunha dilatada experiencia no ámbito social e laboral, implicado na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras como presidente do comité de empresa no seu centro de traballo. Triatleta voluntarioso e moi vinculado ao deporte de base no concello, sabe da necesidade do esforzo diario para acadar os obxectivos. Fernández afirma estar convencido de que “é imprescindible un cambio de goberno municipal para que remate a sangría demográfica e que a xuventude non teña que abandonar Cervo para poder vivir”. Asegura que “só un concello moderno, que abandone o clientelismo para crear riqueza, pode evitar a perda de poboación, a fuga forzada da xeración máis nova e mellor preparada da historia”. Para o candidato nacionalista “Cervo merece uns gobernantes con ilusión, que defendan a ecoloxía, o repartimento igualitario da riqueza, o fomento de actividades económicas alternativas e innovadoras, que apoien a cultura de calidade, que rematen dunha vez coa política empobrecedora que se limita a repartir subvencións e prebendas”, concluíu Fernández asegurando que “é evidente que Cervo leva anos quedando atrás e perdendo o tren da modernidade e do desenvolvemento”.
O número 2 da candidatura, Xorxe Caldeiro, é veterano activista sindical e polo tanto coñecedor dos mecanismos que melloran a sociedade a través da equidade social. Para Caldeiro, “a candidatura do BNG de Cervo agrupa a persoas que xa demostraron no seu entorno a súa capacidade de transformación e de defensa dos dereitos e bens colectivos, única maneira de xerar riqueza para todos e todas”. A lista combina xuventude e veteranía, e tamén reflicte a realidade que padece o concello e o conxunto de Galiza, que obriga á marcha forzada fóra do lugar de orixe para poder gañarse a vida de maneira digna. O “exilio” cervense está representado na candidatura nacionalista porque só as políticas que defende o BNG poden reverter esta sangría empobrecedora.
A candidatura complétase cos e coas seguintes cervenses cun claro compromiso co concello: Carmiña Ventoso, audióloga da Atalaia do Porto de Arriba, Ibán Sánchez, actual concelleiro e traballador de Alcoa, Mariló Castro de San Cibrao e Xaquín Pérez Pernas de Cervo, presidenta e presidente dos respectivos comités das empresas nas que traballan grazas ao apoio maioritario dos seus compañeiros e compañeiras; Tareixa Lorenzo, de San Cibrao, traballadora de Correos en Foz; David Villares de San Cibrao, emigrado forzosamente, actualmente é profesor en Pontevedra, onde comproba diariamente os beneficios dun goberno municipal do BNG; Olga Castro, feminista de Cervo, xornalista, tradutora, investigadora recoñecida a nivel internacional, obrigada a emigrar polas políticas que levan asolando moitos anos este país e que regresa a Cervo cada vez que as súas ocupacións llo permiten; Pablo Lourenzo, de San Cibrao, traballador no Parlamento Europeo; Rosa Otero da Senra, ex traballadora de Sargadelos e histórica militante nacionalista. A lista de suplentes encabézaa Sindo Folgueira, de Cuíña, xubilado que representa a firmeza na defensa duns ideais igualitarios desde hai moitos anos; María Xosé Prado de Cervo, ex traballadora e activista sindical na fábrica de Sargadelos; Samuel Pazos “Álamo”, xente nova de Sargadelos, filólogo, traballador da construción e apegado á terra; María Fernández Rei, de San Cibrao, filóloga que tamén se viu obrigada a emigrar para atopar traballo; e pecha Ramón Luís Bernardo, de Figuerido, ex concelleiro, activista e dinamizador de actividades deportivas e culturais.

















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



