Foz, 6 de maio de 2019.- FeSP-UGT denuncia a situación de discriminación á
que se ve sometida, por parte do 061 e do Sergas, a Mariña lucense cos novos pregos de contratación do transporte sanitario urxente.
Xa que, no novo contrato á ambulancia de Soporte Vital Avanzado (SVA), con base en Foz pero que da cobertura sanitaria urxente a toda a comarca, suprímeselle un Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES). Ata o momento a dotación desta ambulancia era de dous TES, un médico e un DUE.
Hai que facer fincapé na importancia da correcta dotación desta ambulancia, xa que é a encargada de atender os casos de urxencias e emerxencias máis graves en toda a comarca, en moitas ocasións, situacións de risco vital.
E, neste contexto de gravidade e urxencia, o TES é unha figura imprescindible para dar a mellor resposta a estas situacións críticas. Ten funcións propias e a súa colaboración resulta fundamental para a rápida localización do punto de emerxencia, para a atención de accidentes con múltiples vítimas, para a redución de doentes alterados ou agresivos, para a rápida recollida e entrega de doentes en transporte interhospitalario, para a actuación en paradas cardíacas, politraumatismos, inmobilizacións+.Nos propios protocolos de actuación do 061 veñen recollidas as súas funcións. Polo tanto, a súa supresión implica un claro e innecesario empeoramento na calidade do servizo.
Para UGT, trátase dun claro trato discriminatorio porque de todas as ambulancias de soporte vital avanzado existentes ata o de agora en Galicia é na única que se suprime un TES e, ademais, a esta situación hai que sumarlle o feito de que xa con anterioridade a ambulancia de Soporte Vital Básico con base en Foz pasou de ter unha operatividade de 24 horas ao día a 12. Todo isto cando noutras zonas de Galicia non só non se recortan, senón que se amplían os recursos existentes.
Por todo isto, FeSP-UGT demanda que se manteñan os dous TES na ambulancia de SVA con base en Foz e que se amplíe a operatividade da de Soporte Vital Básico ás 24 horas, como xa tiña antes.