Foz, 25 de setembro de 2019. O O colectivo Amigos de Ceferino, constituído hai cinco anos na Mariña, volve un ano máis a celebrar unha homenaxe en memoria do histórico socialista e galeguista do PSdeG-PSOE, Ceferino Díaz. Nesta ocasión, ao tradicional debate e xantar, súmase a inauguración dun monólito na súa memoria que se emprazará no Paseo da Rapadoira.
“Ceferino é un dos maiores valores políticos que tivo Galicia”, explican as persoas convocantes. “A súa defensa e entrega ao país dende o galeguismo, o seu esforzado traballo polo Estatuto de Autonomía dende o convencemento de que sería a mellor ferramenta para loitar por Galicia e a súa calidade humana son razóns máis que suficientes para facerlle esta homenaxe”, explican, convencidos de que co monólito -situado nun lugar tan transitado- as novas xeracións terán curiosidade por coñecer a traxectoria vital e política dun home “bo e xeneroso” que fixo en parte posible o país no que viven.
Monólito, mesa redonda e xantar de confraternización
O descubrimento do monólito -que reza ‘A Ceferino Díaz. Exemplo de compromiso co País. Un home socialista, galeguista, bo e xeneroso. As súas amizades’- terá lugar este sábado ás 14.00 horas. Previamente, ás 12.00 horas desenvolverase no Hotel Oca de Foz unha mesa redonda que leva por titulo; ‘O galeguismo na actual conxuntura política e institucional’. Un acto no que participarán o ex-Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño; o arquitecto e ex-Alcalde de Santiago de Compostela, Xerardo Estévez, así como a ex – Presidenta do Parlamento Galego, Dolores Villarino. A benvida correrá a cargo do Alcalde de Foz, Fran Cajoto. Ao remate de todos os actos haberá un xantar no gastrobar do Hotel Oca.
Ceferino Díaz: un dos pais do Estatuto de Autonomía
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor de Economía Aplicada das Facultades de Ciencias Económicas e de Ciencias Políticas ata 2012. Iniciou a súa carreira política en 1972 no PSG e en 1978 ingresa no PSdeG-PSOE, formando parte do Colectivo Socialista Galego. Foi secretario de Relación Políticas no PSdeG-PSOE (1979-1980) e vicesecretario xeral (1980-1982) nun período de grande importancia para o futuro desenvolvemento social e político de Galicia no que xogou un papel fundamental na negociación, redacción e defensa do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, sendo considerado como un dos país dese Estatuto, aínda vixente.
Ese ano encabezou a lista socialista ao primeiro Parlamento galego pola provincia de Lugo e foi o portavoz parlamentario desa lexislatura. Continuou como deputado na seguinte lexislatura 1985-1989, na que foi elixido presidente da Comisión de Economía do Parlamento. Nas seguintes dúas Ceferino Díaz foi parlamentario galego pola provincia da Coruña. Nesa época, que compaxinaba coas súas tarefas como profesor universitario, foi ademais secretario xeral do PSdeG-PSOE de Santiago de Compostela.
No ano 2000 foi elixido deputado do Congreso pola provincia de A Coruña, cargo no que estivo dúas lexislaturas máis sendo, entre outros cargos, portavoz socialista da Comisión de Pesca e portavoz de Comercio Exterior. É ademáis autor do libro A esforzada conquista da Autonomía. 1979-1981 Unha ollada dende o socialismo galego (Galaxia, 2007) na que explica o crucial papel do socialismo galego no proceso estatutario. Ceferino Díaz faleceu en Compostela en decembro de 2012.


















Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Xunto a autoridades locais, destacou a importancia de preservar as tradicións e lembrou que a Deputación destinou este ano 400.000 € ao Concello para servizos básicos. A festa, creada en 1992 e impulsada pola Asociación de Amigos da Malla, busca recuperar e poñer en valor este oficio tradicional. A programación incluíu documental, obradoiros, música, exposicións de maquinaria antiga e actividades para nenos.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.
Con motivo desta data tan especial, o alcalde Demetrio Salgueiro, xunto ás concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, visitouna para felicitala persoalmente e compartir con ela unha celebración tan emotiva. O Concello destacou a alegría e o orgullo que supón chegar ao século de vida e trasladoulle os seus parabéns, desexándolle saúde, felicidade e moitos máis anos rodeada dos seus seres queridos.
A clientela aproveitou esta cita para facerse con artigos de tempada a prezos moi interesantes. É a segunda vez neste mes de agosto que se celebrou o Comercio na Rúa en Ribadeo. Para a organización desta campaña Acisa contou coa colaboración do Concello de Ribadeo, Comercio Galego e Xunta de Galicia.
Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.



