Viveiro, 5 de novembro, 2019. A Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro e a Asociación Beiras de Viveiro, enviarán conxuntamente 1.000 cartas ao Palacio da Moncloa para amosar o seu apoio a Alcoa e en demanda de solucións para que a planta siga a ser competitiva en Europa.
Esta iniciativa foi posta en marcha fai unha semana a través da Federación de Comercio da Mariña, na que se repartiron 80.000 cartas por tódalas Asociacións de comerciantes da Mariña para que as puxesen a disposición dos veciños e clientes para que todos lle poidan facer chegar a sua solicitude ó Presidente do Goberno en funcións.
Pero as Asociacións de comerciantes de Viveiro e Covas, queren unir forzas, e representar as preocupacións e inquietudes que lles fan chegar os case 200 negocios que as conforman, e apoiar de xeito unánime a loita de Alcoa para evitar o peche da fábrica, peche que tanto dano faría na comarca, nos seus negocios e na vida das vilas que conforman A Mariña.
Hoxe partirán dende Viveiro estas 1.000 cartas, que se unen ás 5.000 enviadas dende a Federación de Comercio da Mariña. O obxetivo non pretende ser, mais que amosar a preocupación polo futuro da fábrica e os milleiros de familias que dependen dela… este é o noso pequeno grao de área.
Para todas aquelas persoas que queiran amosar o seu apoio a Alcoa, a través desta campaña da FCAM, estas cartas seguen a disposición dos clientes nos establecementos asociados ás Asociacións de comerciantes.