Ribadeo, a 17 de xaneiro de 2020. O voceiro do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Daniel Vega, pon en valor o inicio das obras de acondicionamento do local propiedade da Xunta situado na rúa Clemente Martínez Pasarón para albergar de forma temporal o Xulgado de Paz e que suporán “un investimento de 41.800 euros”.
Vega destaca “a disposición da Xunta de Galicia para ofrecer unha solución ante a situación de deterioro na que se atopa o actual xulgado de paz en dependencias de titularidade municipal”. A este respecto, o popular engade que “se trata dunha medida temporal” porque, “nun futuro, o Xulgado de Paz ribadense será emprazado na coñecida como Casa da antiga Telefónica unha vez que o Concello merque a propiedade e realice as obras necesarias”.
“Fronte á falta de solucións por parte do goberno local do BNG, dende o equipo que formamos os membros do Partido Popular traballamos en beneficio de Ribadeo”, manifesta Daniel Vega que agradece o esforzo da administración autonómica e a súa atención ante as xestións do Grupo Municipal do PP.
Nese sentido, Vega defende que “a colaboración institucional sempre trae beneficios para Ribadeo” e avanza que “esta é a liña na que nos gusta traballar dende o Grupo do PP”. De feito, os xulgados de paz son servizos compartidos entre a Xunta e os concellos. Ás entidades locais correspóndelles achegar e conservar os locais e ao Goberno galego dotalos de persoal. Pero, “ante a situación na que se atopan as dependencias actuais, dende a Xunta puxeron sobre a mesa outras posibilidades co obxectivo de beneficiar aos ribadenses”.
Obras de mellora
As obras, financiadas pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, consistirán en traballos de albanelería, fontanería e electricidade que permitan habilitar un arquivo, aseo e dúas oficinas. Deste xeito, permitirase mellorar as condicións de traballo do persoal e tamén a atención aos usuarios.
O inmoble, que pertence ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, dispón de 62 metros catros nun novo espazo céntrico e accesible.