
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta. San Caetano, Santiago de Compostela, 12/03/20.
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2020.- O titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe a preocupación ante a falta de material comprometida polo Goberno de España e afirmou que a Xunta seguirá traballando a través do Servizo Galego de Saúde para dotar á Comunidade do material sanitario que precisa.
Durante a reunión por videoconferencia co Executivo central e cos outros presidentes autonómicos, Feijóo transmitiu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, as principais preocupacións de Galicia, compartidas pola maioría das comunidades, e que seguen aínda sen unha resposta axeitada, entre as que destacou: a necesidade de material sanitario para protexer aos profesionais, para garantir a asistencia sanitaria aos pacientes e para facer os test de recoñecemento; o coñecemento da curva epidemiolóxica, de cara á avaliación da necesidade de camas de UCI e de hospitalización; e a atención das necesidades das residencias de maiores e das residencias de discapacidade.
Sobre o primeiro punto, o titular da Xunta recordou que Galicia leva máis dunha semana advertindo de que o material sanitario que o Goberno central se comprometeu a servir non está a chegar. “No caso de Galicia, apenas chegou nada desde que se decretou o estado de alarma. E temos necesidades imperiosas de máis material sanitario de todo tipo: de protección, test, respiradores, material de UCI e material de hospitalización”, precisou, subliñando que a Comunidade se adiantou na medida das súas posibilidades, garantindo un 71% máis de camas de UCI; e estendendo o test desde o coche a todas as áreas sanitarias. “E temos o compromiso de incorporar de forma inmediata a 189 profesionais, entre médicos internos, que están finalizando xa a súa formación, e persoal de enfermaría de formación comunitaria”, confirmou.
Diante desta situación, Feijóo informou da decisión por parte da Comunidade de proseguir cos pedidos do Sergas feitos con anterioridade ao estado de alarma, precisando que, nese momento, o Sergas tiña encargados 8 millóns de mascarillas. “E tamén adquirimos 113 ventiladores para as UCI, 79 volumétricos e 34 non invasivos”, aseverou.
Por outra banda, e logo de que a Xunta solicitase ao Goberno central os datos da curva epidemiolóxica, Feijóo informou de que, ante a falta de resposta, a Administración autonómica encargou aos profesionais sanitarios e aos servizos centrais do Sergas estes datos, que permitan coñecer a semana ou as semanas de maior incidencia de contaxio, ocupación de UCI e ocupación hospitalaria.
Atención das necesidades das residencias de maiores e de atención á discapacidade
Ao longo da reunión, o presidente galego referiuse tamén á situación das residencias de maiores e das residencias de atención á discapacidade, nas que tamén falta o material comprometido polo Goberno de España.
Se ben en Galicia os profesionais destes centros teñen protocolos de actuación desde o venres 13, que se foron ampliando, Feijóo informou na xuntanza da decisión de que cada xerencia sanitaria tutelará as residencias de maiores e de atención á discapacidade da súa área territorial. “As autoridades sanitarias estarán atentas aos brotes de infección que se produzan nas residencias e tutelarán as instrucións que han de dar, a través dos médicos de atención primaria ou a través dos especialistas en medicina preventiva”, avanzou, recordando que en Galicia son máis de 20.000 os maiores que viven nestes centros.
Nesta liña, o presidente da Xunta expuxo a necesidade de que se elabore un protocolo de coordinación válido para todo o Estado entre as autoridades sanitarias e as autoridades sociais.
Feijóo aproveitou a xuntanza para, neste eido, trasladar o desacordo da Comunidade co financiamento, despois de que a contía anunciada para Galicia se reducira 8 millóns de euros, pasando de 25 a 17.
Por último, e no tocante ao paquete de medidas económicas aprobadas polo Goberno o pasado martes, o titular do Executivo autonómico sinalou que a Xunta trasladará a súa valoración por escrito, dado que non era o principal obxectivo de hoxe. Non obstante, subliñou a necesidade de “coñecer a letra pequena” do desenvolvemento das mesmas e lembrou que Galicia xa adaptou fórmulas para axudar aos autónomos e ás pemes, por un valor de 270 millóns de euros, “e que continuaremos avanzando e anticipando desde mañá luns”, adiantou.
Así, a modo de exemplo, salientou que todas aquelas empresas que teñan préstamos formalizados coa Xunta de Galicia verán aprazados os seus compromisos para a devolución das cotas de amortización e xuros correspondentes aos primeiros seis meses deste ano. “É dicir, quedarán exentas durante o primeiro semestre”, concretou.
En canto os plantexamentos ao Goberno central, Feijóo trasladoulle a necesidade de manter a actividade industrial, especialmente naqueles sectores fundamentais para a cidadanía -cadea alimentaria, enerxía, auga, etc-. Así como a solicitude de que os fondos presupostados anualmente con carácter finalista, destinados á posta en marcha de políticas activas de emprego por parte da comunidade, poidan ser obxecto de liberación en canto ao destino dos mesmos, co fin de que cada comunidade poida dispoñer deles e destinalos a medidas de carácter sanitario, económico e social.
Feijóo concluíu a súa intervención cun recordo para os que perderon a un familiar ou un amigo, e trasladando o recoñecemento a todos os que teñen que ir aos seus traballos para soster esta situación e aos que están nas súas casas cumprindo estritamente as indicacións das autoridades. “Todos estamos dando o 100% da nosa capacidade”, dixo.
Despois desta videoconferencia, na que o presidente do Goberno de España comunicou a decisión de ampliar o estado de alarma 15 días máis, Feijóo manterá esta tarde unha reunión cos representantes dos principais partidos políticos galegos, para informarlles con detalle do contido da xuntanza con Pedro Sánchez.



















A interrupción do servizo está prevista entre as 8.00 e as 19.00 horas con motivo dos traballos de conexión á nova obra de saneamento que se está a executar na contorna. Trátase dunha intervención necesaria para avanzar na mellora das infraestruturas e dos servizos básicos na zona.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



